martes 14.07.2020
"EXITO ROTUNDO"

O Entroido de Xinzo 2020 despídese ata o ano que ven sendo todo un triunfo

A súa intención sería a de converter esta celebración nunha festa “que se autosostivera e se autofinanciara”.Concelleiro de Cultura

 

A alcaldesa, o concelleiro de cultura e o presidente da comisión fixeron un balance do Entroido 2020 nunha rolda de prensa na que se cualificou de “éxito rotundo” tanto en número de participantes como de visitantes.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, comezou a súa intervención asegurando que esta festa fora a máis longa e a máis participativa, afirmando que “ninguén é alleo cando chega porque participa activamente vestíndose e integrándose”. Sen embargo, tras amosar a súa alegría polo marco positivo no que se englobou esta celebración, abriu unha reflexión de cara ao futuro de “atopar unha fórmula que garanta que o Entroido transcenda aos cinco fins de semana a través de múltiples actividades, aproveitando que temos o Museo Galego do Entroido, único no territorio español”.

                               Recoñeceu así Elvira Lama a necesidade de convocar proximamente a todos os actores do entroido para chegar a acordos que melloren unha celebración que foi, en palabras da alcaldesa, “a mellor dos últimos anos”. Máis de 33 grupos inscritos unha participación de preto de 150.000 persoas procedentes tanto de Galicia como de diferentes puntos de España e incluso do estranxeiro fixeron case imposible atopar aloxamento ou un lugar onde comer ou cear. Ademais, a alcaldesa reforzou de cara a anos próximos que “non escatimaremos esforzos en buscar fórmulas imaxinativas e creativas que faciliten unha maior implicación económica principalmente dos pequenos negocios e dos veciños a título particular”.

Finalmente, resaltou o éxito da implantación do primeiro plan de autoprotección  para garantir a seguridade de todos os asistentes, definindo este Entroido como un dos máis seguros, “sen graves incidentes”. A intervención da alcaldesa rematou cun agradecemento ao traballo realizado “con absoluta profesionalidade” polo persoal do concello; os efectivos de seguridade e medio ambiente; os membros e voluntarios de protección civil e da cruz vermella; o persoal do centro de saúde e sanitarios de urxencias; e especialmente as persoas integrantes do Entroido e aos membros da asociación A Pantalla pola súa disposición, esforzo, dedicación e paixón.

O concelleiro de cultura quixo comezar facendo fincapé a eses agradecementos e recoñecendo o balance satisfactorio dun Entroido cualificado publicamente como “moi ben organizado”. Remarcou tamén o éxito de medidas que nun primeiro momento deron lugar a controversia, como o cambio de día do desfile,  que finalmente foi todo un acerto. Ademais, destacou a variedade de actuacións musicais nas que “cada veciño pode atopar o seu espazo” e fixo especial mención a actuación de King África, quen “abarrotou a praza”. Coa intención de mellorar en anos vindeiros, o concelleiro de cultura asegurou que “volvemos subir un chanzo no que é a organización do entroido”, subliñando o feito de contar co camión de Axega, que permitiu que se puidera “desfrutar plenamente do Entroido”.

A intervención do concelleiro tivo o seu punto final cunha reflexión de cara aos veciños sobre a necesidade de colaboración pola súa parte para “facer do Entroido a festa que queremos que sexa”. Alentou así ao pobo limiá a incrementar a súa colaboración para que non sexa unha carga para o Concello, que “ten que atender moitas necesidades”. A súa intención sería a de converter esta celebración nunha festa “que se autosostivera e se autofinanciara”.

Posteriormente, o portavoz da comisión destacou tamén aspectos como a seguridade e ampliación da zona do Entroido, conseguindo así “un pobo moito máis accesible, cómodo e con moitas máis posibilidades para que a xente participe”. Resaltou ademais a importancia que tivo o aspecto de seguridade a nivel preventivo e de cara a anos seguintes reclamou a necesidade de ampliar o dispositivo de Axega a máis días de celebración. Finalmente, fixo mención ao “balance positivo en xeral do traballo feito”, que en palabras do portavoz, “facilitou que a xente entenda que o Entroido é sobre todo de día, aínda que tamén de noite”.

A rolda de prensa chegou á súa fin cunhas palabras da alcaldesa Elvira Lama, que subliñou a súa intención de que o Entroido de Xinzo de Limia medre e sexa unha sinal de identidade “para que todos os que se acheguen se atopen cómodos, participen e desfruten do mellor Entroido do mundo”.