Seis escenarios para case trinta espectáculos

Seis escenarios para case trinta espectáculos

Preto dunha trintena de actos en seis escenarios diferentes estenderán a maxia do Nadal polo concello de Xinzo de Limia

Programa do 17 ao 22
Programa do 17 ao 22

“A ilusión polo noso” é o lema do programa elaborado polo Concello de Xinzo de Limia para este Nadal e está a cumprir co seu obxectivo: encher de maxia cada recuncho nestas datas tan especiais. Preto dunha trintena de actos en seis escenarios diferentes ofreceranse a veciños, veciñas e visitantes nos próximos días. Aos nenos e nenas diríxense boa parte das propostas, se ben a ambiciosa programación está pensada para todos os públicos e para atraer a visitantes de máis aló do concello. Este sábado 17 de decembro, e con motivo do aniversario da Charanga Achicoria, haberá animación musical polas rúas do concello dende as 18.30 horas. Na mesma xornada, ás 20.00 horas no Auditorio Ángel Cocho prevese a Gala de Nadal da Escola de Baile Danzón.

A próxima semana, os días 20 e 21 de decembro, celebraranse as actuacións do alumnado do Conservatorio Municipal de Xinzo de Limia. O xoves 22 de decembro inaugurarase o espazo de ocio para cativos e cativas na Praza Carlos Casares e onde poderán disfrutar de inchables e diferentes atraccións.

A decoración de Nadal de Xinzo tamén volve a chamar a atención dos paseantes. Un dos grandes atractivos é o tren do filme Polar Express, instalado na Praza Maior e que xa causou gran expectación o ano pasado. Ademais da decoración de diferentes casiñas que crearán pobos de Nadal nas rúas, haberá máis sorpresas que se irán desvelando co paso dos días e para manter a maxia destas datas.