domingo 27/9/20
Algúns comerciantes expresaron ante o Concello as dificultades que están a atravesar debido á crise sanitaria

O PP de Xinzo reclama máis Garda Civil na feira do 14 de agosto para impedir posibles contaxios

O Grupo Municipal Popular presentou unha solicitude para aumentar a dotación de efectivos que aseguren o uso de mascarillas e o distanciamento social durante a xornada do vindeiro venres.

Os asistentes á feira celebrada o 14 agosto do pasado ano, 2019, en Xinzo de Limia. | FOTO: Arquivo.
Os asistentes á feira celebrada o 14 agosto do pasado ano, 2019, en Xinzo de Limia. | FOTO: Arquivo.

Concello de Xinzo de Limia non cancelará a feira do próximo venres, 14 de agosto, a pesar dos surtos que están a ter lugar na provincia. A oposición popular expresou a súa inquedanza tras coñecer a noticia, expresada polo Grupo de Goberno a través das súas redes sociais. 

Os populares critican a decisión porque foi tomada "sen levala á consulta da Comisión Municipal Covid 19", o que consideran un modo de imposibilitar o aporte de ideas por parte da oposición.

Por iso, o Partido Popular de Xinzo decidiu rexistrar unha solicitude para aumentar o número de persoas encargadas de velar pola seguridade e saúde públicas na xornada do vindeiro venres, tanto nas rúas da vila como na zona do mercado. 

A solicitude insta ao Concello a facer a xestión coa Subdelegación do Goberno -por medio da Consellería de Seguridade- para pedir o aumento da dotación de Garda Civil para a xornada matutina do 14 de agosto. Engade tamén a presenza da Protección Civil de Ourense coma requisito esencial para que, na medida do posible, "as agrupacións de outros concellos e comarcas poidan colaborar coa Agrupación de Xinzo de Limia, como cando se organiza un gran evento".

A feira do 14 de agosto é a de maior afluencia do ano: o evento destas características que máis turistas e cidadanía de segunda residencia aglutina en Xinzo. O Partido Popular afirma que "se sabe que é unha feira que mobiliza a toda a bisbarra e tamén ás limítrofes".

Algúns comerciantes do municipio xa expresaron a súa preocupación ante unha posible suspensión do evento: a crise sanitaria obrigounos a ter pechado durante moito tempo e, nun momento no que se pronostica unha crise económica futura, a feira do 14 de agosto podería ser crucial para eles.

A oposición engade que "hai que ter en conta o número de surtos que se están a producir e a cantidade de casos activos na comunidade". Dende o grupo popular, consideran que os medios de seguridade urbana e sanitaria que se tiveron nas anteriores feiras "son insuficientes para o 14 de agosto" posto que o número de visitantes nesta feira "duplicará ás anteriores".

Na liña de aumentar as masificacións e os posibles momentos de pánico, demandan un aumento no número de efectivos de Policía Local, Garda Civil e Protección Civil para controlar o uso de máscaras e garantir o distanciamento de seguridade, tanto na rúa coma no mercado. 

Comentarios