martes 27/10/20

Feitos reais, memoria e bo teatro con “As do Peixe” en Xinzo

Abrapalabra producións trouxo á Casa da Cultura a historia en clave feminina das conserveiras galegas REDACCIÓN [email protected] Twitter: @Dendealimia Ata a apertura das primeiras...
20140517_205535

Abrapalabra producións trouxo á Casa da Cultura a historia en clave feminina das conserveiras galegas

REDACCIÓN

[email protected]

Twitter: @Dendealimia

Ata a apertura das primeiras fábricas de conservas alá polos anos 50, retroceden as protagonistas de “As do Peixe”, unha obra de Abrapalabra producións escrita por Cándido Pazó e dirixida por Cristina Domínguez. Casilda Alfaro, Mónica Caamaño, Rocío González e Susana Dans dan vida a catro mulleres da conserva que van recreando ao longo da obra  ata 20 momentos diferentes das súas vidas. Unhas transicións, marcadas ás veces por un cambio no mandil ou simplemente nas súas faces que van repasando o seu periplo vital ás veces en ton de humor e outras con máis sensibilidade, ou incluso de maneira tráxica. Unhas situacións tiradas da vida real das mulleres que dedicaron a súa vida á industria conserveira sobre todo na zona do Morrazo.

“Esta obra vai sobre a vida"

A idea orixinal que esta compañía de Vedra conseguiu transformar en “As do Peixe”, foi da directora, Cristina Domínguez e dunha das actrices, Casilda Alfaro. Elas dedicáronse a investigar as vivencias destas mulleres e incluso a gravar as súas propias testemuñas. Con todo este valioso material, Cándido Pazó, co seu “talento especial para graduar o humor e ese lado dramático da vida”, resalta unha das actrices, construíu o texto. Un texto que deu a luz a personaxes moi reais cos que as verdadeiras protagonistas se senten identificadas para orgullo das intérpretes.

Despois de dous meses de ensaio, e coa colaboración de Alfonso Castro e Héctor Pazos en luces e son, Carlos Alonso en escenografía e vestiario, e baixo a produción de Cándido Pazó e Belén Pichel, “As do Peixe” estaban listas para o escenario. E así o demostraron este sábado nas Xornadas de Teatro de Xinzo, cun montón de público na Casa da Cultura e moitas expectativas desde o minuto un, que foron finalmente superadas con éxito.

Comentarios