martes 4/8/20

Fusión Fitness ultima a gala solidaria para recadar alimentos e roupa para persoas sen recursos

Máis de 200 artistas pasarán polo escenario da praza Carlos Casares de Xinzo 

    Fusión Fitness de Xinzo de Limia ultima os preparativos para a gala solidaria que se vai celebrar o sábado. Como cada ano por estas datas o centro de actividades deportivas organiza este evento. Nesta edición a temática é os anos 80 e o fin é conseguir comida e roupa para as persoas que teñen menos recursos. 

fusion

Os asistentes aboarán a entrada con alimentos non perecedoiros e bens de suministro básico que teñen como destino Programa de Atención Urxente que desenvolve o C.D.R. “O Viso” en coordinación cos servizos sociais municipais dos concellos da comarca. Deste xeito axudan temporalmente a aquelas familias que teñen difícil cumprir un dereito básico e universal como é o da alimentación. Algúns deses alimentos e bens son pasta, galletas, cueiros, conservas, xel de baño ou leite.

fusion 2

Outra modalidade de pago é con roupa que se atope en bo estado e que irá para a Asociación Filantrópica Inclusión Social Activa Boa Vida de Pontevedra, unha organización sen ánimo de lucro que traballa para diminuír as desigualdades na sociedade. 

A cambio poderán gozar das actuacións dos alumnos e alumnas de Fusión Fitness en todas as modalidades que se imparten no centro como Zumba, Ballet, Aerotono ou Body Fitness entre outras. Por outra banda haberá actuacións de grupos locais como Cantaralai ou a Escola de Música de Trasmiras. Polo escenario tamén pasará Luis Pérez, Meigas Tribal ou o grupo de percusión Odaiko. 

A maiores de actuacións e moita música, os asistentes poderán pasar polos diferentes postos que se van situar na praza. Tomar un café solidario no Rudi, peitearse ou maquillarse con Luxury Estilistas ou visitar a xente de Limisi, todo sen saír do recinto. Tamén asistirán o colectivo cultural Matrioska para pintar un mural solidario.

Dende a organización queren agradecer a colaboración de tódolos locais comerciais e de hostalería que patrocinan a gala así como o Concello de Xinzo de Limia. 

A volta os 80 está asegurada este sábado a partir das 20h na praza Carlos Casares. 

 

Comentarios