viernes 30/10/20

Galegos ao 100%

Unha iniciativa sobre a fidelidade á lingua e á propia identidade, en todas as circunstancias da vida REDACCIÓN "Galegos ao 100%, non...
IMG_0350

Unha iniciativa sobre a fidelidade á lingua e á propia identidade, en todas as circunstancias da vida

REDACCIÓN

"Galegos ao 100%, non ao 90". Esa foi a mensaxe que quixo transmitir Xosé González Martínez, no seu discurso ante o auditorio que se reuniu o sábado na casa da Cultura de Xinzo de Limia, con motivo da iniciativa "Galegos de por vida", orquestrada polo Grupo de Estudos Históricos da Limia. Este gran defensor da lingua e cultura galegas centrou a súa tese na incoherencia de toda unha vida co galego como lingua de comunicación, para que despois as lápidas de todos os nosos camposantos falen unicamente castelán.

Este experto que é ademais presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, do Foro Peinador, secretario da Irmandade Xurídica Galega, secretario de Amigos do Couto Mixto e asesor en Faro de Vigo, explicou que este fenómeno dase porque os os galegos somos "por educación, condescendientes". Unha tendencia que asegurou "é necesario mudar" neste ámbito, sendo galegos ao 100%, levando "a nosa cultura ata o fin dos tempos".

Tamén interviu nesta conferencia que convocou a máis dun cento de limiaos, Xosé Manuel Cid que ilustrou con datos a situación de escasa normalización do mundo dos cemiterios e as notas necrolóxicas. En Galicia, por cada 1000 lápidas non hai máis ca unha en galego, e no caso das necrolóxicas a situación non é  moito mellor, dúas de cada cen. O acto que foi presentado por Manuel Seoane, presidente do Centro de Cultura Popular do Limia finalizou coa actuación do Grupo de Pandeiretas Cantalarai.

Praca de agradecemento

Este domingo, como broche final desta iniciativa o Centro de Estudos Historicos da Limia descubrirá nun acto sinxelo, unha praca no Cemiterio Municipal de Xinzo de Limia as 12,30 da mañá, "en agradecemento aos nosos devanceiros". O texto escollido para esta homenaxe foi: "Na memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles, Galicia segue a ter lingua e cultura de seu".

Comentarios