miércoles 30/9/20
Os responsables están sendo investigados por un delito contra a propiedade industrial

A Garda Civil incauta prendas falsificadas por valor de 35.000 euros ó socorrer ós ocupantes dunha furgoneta avariada na A-52

O vehículo atopábase detido no arcén dereito da estrada A-52 (Benavente-Porriño), ao seu paso por Xinzo de Limia. 

A mercancía interceptada ronda as 3.400 prendas; Tommy Hilfiger, Fila e Quicksilver son algunhas das marcas falseadas.

O equipo da Garda Civil examina a mercancía incautada aos condutores do vehículo detido na A-52. | FOTO: Cedida.
O equipo da Garda Civil examina a mercancía incautada aos condutores do vehículo detido na A-52. | FOTO: Cedida.

Segundo informa a Garda Civil de Verín, unha patrulla do Destacamento de Tráfico interceptou o pasado venres, 7 de agosto, ás 10:30 horas, un cargamento de mercancía falsificada nunha furgoneta averiada. O vehículo atopábase detido no arcén dereito da estrada A-52, dirección O Porriño, ao seu paso por Xinzo de Limia, no km 190.

O rexistro revelou 3.327 prendas de roupa interior, masculina e feminina, que poderían alcanzar un valor aproximado de 35.000 euros no mercado. Os artigos intervidos, xunto co atestado correspondente, xa foron remitidos á Autoridade Xudicial.

Cando os efectivos da Garda Civil se achegaron a socorrer aos ocupantes do turismo averiado, preguntáronlles a onde se dirixían para que o servicio de asistencia en viaxe puidese xestionar a chegada dun taxi e unha grúa. Os ocupantes responderon que se dirixían a Ourense: "El día 7 de cada mes montamos allí nuestro puesto, en el mercadillo de vendedores ambulantes".

Mentres agardaban a resposta da compañía aseguradora, a Garda Civil efectuou unha inspección da parte traseira do vehículo; ocultos en caixas de froita descubriron uns estoxos de plástico transparente que contían prendas de roupa interior de marca Calvin Klein, Tommy Hilfiger, Dolce & Gabanna, Hugo Boss, Fila e Quiksilver. 

Os efectivos, ao interpretar que podía tratarse de falsificacións, indicáronlle ao taxista e ao condutor da grúa que tomasen a saída 193 da autovía A-52, para dirixirse á área de servizo de Xinzo de Limia, onde se levaría a cabo unha inspección minuciosa da mercancía transportada. 

Os responsables foron trasladados ao Posto da Garda Civil de Xinzo de Limia, onde os informaron dos seus dereitos como investigados pola suposta comisión dun delito contra a propiedade industrial

Comentarios