lunes 30.03.2020

Hoxe presentouse o ENTROIDO 2020

O desfile será o domingo de piñata pola mañá, principal novidade para este ano
Hoxe presentouse o ENTROIDO 2020

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, deu a coñecer todas as novidades que se van por en marcha dende o concello, e en colaboración coa comisón organizadora, para o Entroido 2020, que comeza o próximo 1 de febreiro, co sábado de petardazo.

Quixo facer mención, ademais, ao recoñecemento acadado por esta celebración como festa de “interese turístico internacional”. Falou tamén da grande implicación por parte do equipo de goberno, o concello de cultura e demais concellerías  por facer deste entroido “un entorno singular, seguro e libre das violencias machistas” como principal intención dos responsables da organización.

Dende o goberno estase elaborando un plan de autoprotección de cara a que sexa unha festa o máis segura posible posto que, en palabras da alcaldesa, “debemos velar para que exista unha certa orde, para continuar facendo un dos mellores entroidos da península”.

O concelleiro de cultura amosou o cartel co que se fará promoción desta festividade, novidoso con respecto ao tradicional, da deseñadora Iria Prol. Suárez fixo público ademais Cartel entroido 2020o orzamento manexado, que ronda os 150.000 euros, e fixo un chamamento á participación dos comercios locais para poder  “sufragar unha festa que inflúe positivamente na economía do pobo”.
En canto as novidades, o desfile terá lugar na mañá do domingo de piñata, debido ao éxito do ano anterior. Recoñeceuse tamén a recuperación de grandes tradicións e momentos e fíxose mención dos grupos e charangas máis destacables. No aspecto infantil, por outra banda, contratarase unha empresa que realizará concursos e demais entretemento destinado aos máis pequenos, a maiores do xa coñecido desfile dos colexios tanto de Xinzo como arredores.
Durante todos os días de Entroido, cabe destacar que non haberá practicamente nin unha hora sen música. “Dende as 12 da mañá ata ben entrada a madrugada desfrutaremos de grupos tradicionais, charangas, orquestas e demais”, asegurou o máximo responsable da organización. Ademais, como gran novidade, intentarase preparar o primeiro baile “de mascaritas” da vila dende hai corenta anos.
Na rolda de preguntas final, asegurouse que repartiríanse 4.000 euros en premios, tal e como era costume e en canto ao tema limpeza, a alcaldesa recoñeceu que o tema aínda estaba “enriba da mesa”. Asegurou Lama tamén que se solicitaría o reforzo duns camións que fagan a limpeza con mangueiras a presión.
“O noso entroido é especial porque todos o que queren participar, repiten”, foron as palabras da alcaldesa na súa intervención final, quen animou a todos os veciños a formar parte dunha costume tan bonita do pobo de Xinzo de Limia.