martes 20/10/20
Despois da súa loita polas tres prazas docentes que precisaban para este ano académico

O IES Cidade de Antioquía inicia o curso podendo cumprir co protocolo

O IES chega ó calendario proposto pola Xunta para o inicio de curso con todas as garantías de seguridade e salubridade, contando con todos os mestres que precisaban. 

 

Unha das aulas preparadas para o alumnado coa distancia social. Foto: Noelia Caseiro
Unha das aulas preparadas para o alumnado coa distancia social. | Foto: Noelia Caseiro

Con toda a seguridade e a emoción de afrontar un novo curso, os docentes e persoal laboral do IES (Instituto de Educación Secundaria) Cidade de Antioquía deron o pistoletazo de saída a este ano 2020/2021.

Reivindicaron incansables todo o mes de setembro a falta da cobertura de tres prazas docentes máis para poder levar a cabo, con seguridade, toda a programación de protocolo que xa se aprobara xa en xullo. Despois de plantexar a dimisión do equipo directivo e de contar co apoio do grupo de Goberno do Concello de Xinzo de Limia mediante a aprobación dunha moción por unanimidade, por fin acadaron o seu obxectivo e a Consellería de Educación tivo que cumprir, unha vez máis, coas necesidades imperantes no centro. 

Ante os novos retos do presente curso, realizouse unha laboriosa actividade, tanto en tempo como en esforzo persoal, para acondicionar varias aulas específicas (destinadas a Educación Artística ou Laboratorio) en aulas de desdobres co obxectivo de que todo o alumnado contase co metro e medio de distancia interpersoal esixido por protocolo sanitario.  

O IES Cidade de Antioquía ten unha oferta educativa moi variada e que, en total, inclúe a rapaces e rapazas desde os 12 anos, na Educación Secundaria Obrigatoria, ate ben entrada a maioría de idade por mor dos Ciclos Formativos de Formación Profesional e o Bacharelato

As entradas e saídas, así coma os descansos entre horas, estarán controlados por diversos docentes, sobre todo tendo en conta que é obrigatorio respectar os aforos nos servizos, corredores e aulas. 

Aforos nos servizos do IES Cidade de Antioquía. Foto: Noelia Caseiro

Un dos servizos co cartel de aforo máximo. | Foto: Noelia Caseiro 


Do mesmo xeito, nos patios exteriores estanse a acondiconar carpas para poder aproveitar ao máximo as zonas de ventilación e que todo o conxunto de alumnado conte con millores condicións de cara o inverno. 

Despois da tempestade sempre vén a calma e seguro que todos os mozos e mozas da vila poderán exercer o seu dereito a unha educación segura tanto no IES Cidade de Antioquía coma no IES Lagoa de Antela e nos dous centros de Educación Infantil e Primaria de Xinzo. 

Comentarios