IV FESTIVAL INTERNACIONAL DE GAITAS “VILA DE XINZO”

festival gaitas
IV FESTIVAL INTERNACIONAL DE GAITAS “VILA DE XINZO”

Terá lugar esta fin de semana, mañá sábado 21 e o domingo 22

Este fin de semana celebrase o IV Festival Internacional de Bandas de Gaitas “Vila de Xinzo”, que conta na presente edición con agrupacións procedentes de Bretaña, Portugal e Asturias, así como de Ourense e a anfitriona da capital limiá, reunindo preto de cento cincuenta músicos entre gaiteiros e percusionistas.

O programa do festival comeza o sábado 21 ás 12:30, cun pasarrúas polo centro da vila a cargo do cuarteto bretón Arvorig Breizh Band e os portugueses do Grupo de Bombos e Gaitas S. Tiago Maior de Poiares – Ponte de Lima. Xa á tarde terán lugar as probas de son sobre o escenario na praza Carlos Casares para, a continuación, proceder á recepción institucional das agrupacións participantes, acto que presidirá o alcalde Manuel López Casas en representación da corporación municipal. No trascurso do mesmo, o rexedor dirixirá unhas palabras de benvida ós músicos participantes e asemade se lles entregará uns agasallos como recordo do seu paso polo do festival. Ás 20:00 h. tócalle o turno de estrearse en Xinzo á Banda de Aspirantes da Escola Provincial de Gaitas da Deputación de Ourense e á Banda de Gaites Villa de Xixón (Asturias), que xunto con portugueses e bretóns animarán as rúas entre lusco e fusco.

Ás 22:30 h. partirá da praza de San Roque o desfile de gala polo centro da vila con tódalas bandas participantes, pechando o mesmo a anfitriona Banda de Gaitas Xinzo de Limia, desfile que rematará na praza Carlos Casares ás 23:00 h. De seguido e na mesma praza dará comezo a gran gala do festival, con concertos sobre escenario que abrirán os rapaces e rapazas da Banda de Gaitas Xinzo de Limia–B, á que seguirán as mencionadas agrupacións de Ourense, Asturias, Portugal e Bretaña para rematar coa Banda de Gaitas Xinzo de Limia titular, que presentará en primicia o seu primeiro traballo discográfico recén saído á rúa e titulado SonHoraS, interpretando algún temas do mesmo.


O domingo 22, a Arvorig Breihz Band, a Banda de Gaites Villa de Xixón e o Grupo de Bombos e Gaitas S. Tiago Maior de Poiares – Ponte de Lima, encherán o centro da vila de música popular bretona, asturiana e portuguesa entre as 12:30 e as 14:00 h.