O Limia-Lima, recibiu o abrazo dos escolares de Xinzo e Ponte de Lima

Momento do abrazo do río
O Limia-Lima, recibiu o abrazo dos escolares de Xinzo e Ponte de Lima
Os escolares dos CEIP Rosalía de Castro e Carlos Casares e doutros doce colexios da localidade portuguesa e arredores participaron nunha xornada que incluíu a visita á Feira de Educaçao, Ciência e Tecnologia

O río Limia recibiu onte , venres día 7) o abrazo de preto de 1.200 alumnos e alumnas de Xinzo, Ponte de Lima e arredores. Foi un acto simbólico que demostrou o valor que para os seus cidadáns teñen as súas augas e que fomenta a concienciación ambiental dos máis pequenos. Ata a vila portuguesa desprazáronse os estudantes de cuarto de Primaria dos CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro e doutros doce colexios portugueses. A actividade recuperouse despois do parón da pandemia e este acto simbólico volveu mostrar a fraternidade entre Xinzo e Ponte de Lima, irmandadas e que cunha relación que se remonta moitos anos atrás.

A alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, acompañou aos cativos e cativas nesta xornada que comezou cedo coa recepción dos participantes en Expolima. Tamén se realizou unha visita á Feira de Educaçao, Ciência e Tecnologia, onde os pequenos puideron coñecer de primeira man diferentes proxectos e experimentos. A rexedora presenciou o gran abrazo ao río dende un barco, acompañada do presidente da Cámara e do inspector educativo da zona norte de Portugal, entre outras autoridades. Elvira Lama destacou a importancia desta actividade: “Foi para min un pracer acompañar aos nenos e nenas nesta actividade que forma parte do deseño curricular de ambos centros de Xinzo”.

Foto redes sociais ceip Carlos Casares
Foto redes sociais ceip Carlos Casares

Cómpre destacar que con esta iniciativa os alumnos e alumnas comprenden a importancia de coidar o río e participan nunha xornada de convivencia. Os escolares do Rosalía de Castro chegaron a Ponte de Lima o xoves, mentres que os do Carlos Casares uníronse hoxe ás actividades programadas.

A iniciativa para a concienciación ambiental terá continuidade en maio, cando os estudantes de Portugal devolverán a visita para realizar un novo abrazo ao río, esta vez dende as ribeiras de Xinzo de Limia.