O Museo Galego do Entroido, en Xinzo de Limia, abre ao público en sesións de mañá e tarde, coa xestión da Deputación de Ourense

IMG_0749
O Museo Galego do Entroido, en Xinzo de Limia, abre ao público en sesións de mañá e tarde, coa xestión da Deputación de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou hoxe co alcalde de Xinzo de Limia, Manuel Cabas, o convenio por medio do cal a Deputación asume a xestión do Museo Galego do Entroido, situado en Xinzo de Limia, o que permitirá que este espazo expositivo abra as súas portas de maneira regular, en sesións de mañá e tarde, "poñendo a disposición do público, coa colaboración do Concello de Xinzo e da asociación "A Pantalla", un espazo expositivo único en Galicia que amosa a riqueza do noso carnaval", expresou Baltar no acto de sinatura do acordo.

IMG_0734O convenio de transferencia das instalacións permite que a Deputación de Ourense asuma este servizo en réxime de competencia propia e como servizo publico cultural de carácter supramunicipal, de cuxa xestión encargarase unha empresa. A Deputación crea, ademais, o Consello Asesor do Museo Galego do Entroido, do que formará parte o Concello de Xinzo; a asociación "A Pantalla", e as entidades locais da provincia de Ourense nas que o entroido teña un especial arraigo e aquelas sen ánimo de lucro que realicen actividades de conservación e difusión do entroido ourensán.

O presidente do goberno provincial afirmou que hoxe "é un día importante para Xinzo de Limia, para Galicia e para o entroido, porque a Deputación asume a xestión deste museo, coa colaboración do concello e da asociación "A Pantalla", un espazo expositivo único en Galicia de exaltación da riqueza do noso carnaval, que será, sen dúbidas, un foco de atracción turística", expresou Manuel Baltar, engadindo que concello e deputación cooperan; "facemos efectivo un acordo plenario de ámbalas dúas institucións para poñer a disposición dos visitantes unha infraestrutura cultural que servirá de atracción para a zona".