miércoles 30/9/20
As medidas que se votarán no próximo pleno pretenden axudar a hostaleiros e futuros emprendedores

Xinzo incentivará o establecemento de novos negocios renunciando a cobrarlles a taxa de apertura ata 2022

Os hostaleiros tampouco pagarán durante o 2020 pola colocación das súas terrazas nas rúas, dentro do paquete de medidas fiscais propostas polo grupo de Goberno limián. 
Na sesión deste xoves tamén se aprobará solicitar unha subvención ao IDAE para substituír as luminarias do núcleo e das aldeas por outras de menor consumo. 

Algúns dos establecementos que xa non terán que pagar as taxas polas súas terrazas. | FOTO: Lara García.
Algúns dos establecementos que xa non terán que pagar as taxas polas súas terrazas. | FOTO: Cedida.

A sesión plenaria terá lugar o vindeiro xoves, 6 de agosto, ás 12:00 horas, na Casa do Concello de Xinzo de Limia e, entre outros puntos, procederase á votación de dúas medidas que pretenden axudar aos novos emprendedores e aos hostaleiros para que non se vexan na obriga de cancelar os seus proxectos nin de pechar as portas dos seus locais acuciados pola crise económica froito da sanitaria que aínda se vive. 

En primeiro lugar, modificarase unha ordenanza sobre a apertura de locais comerciais. Todos aqueles negocios ou empresas que se monten no Concello de Xinzo e precisen da licenza municipal, van a estar exentas de abonar taxa de apertura, tanto neste exercicio económico coma no próximo, ata o ano 2022.   

O importe desta taxa no caso dun local de 100 metros cadrados, na rúa Dous de maio, é de 933,60 €. Outro local coas mesmas dimensións na avenida de Madrid custa 1.300 € en taxa de apertura. Con esta medida, esta cantidade redúcese a cero durante este ano, o ano que vén e ata setembro de 2022.

O que se pretende é incentivar á apertura de negocios no municipio propondo unha importante achega por parte do Concello, xa que estas taxas freaban a moitos novos emprendedores. 

O segundo punto destacable no próximo pleno é a suspensión do pago das taxas das terrazas durante o que resta do ano 2020. O equipo municipal pretende axudar aos rexentes de bares e restaurantes que tiveron que manterse pechados durante varios meses e, agora, sofren as consecuencias da pandemia. Debido ao COVID, o sector hostaleiro está pasando unha situación complicada e as taxas das terrazas, que se pagan en función do número de mesas e do espazo que ocupan, é un cargo máis para os donos dunha cafetería. Un bar tipo en Xinzo de Limia adoita pagar uns 600 euros de media pola súa terraza

O edil de Xinzo Adiante e concelleiro de FacendaManuel Pérez Campos, admite que o equipo de Goberno se está a axustar á situación e, aínda que non pode reducir de maneira moi significativa os ingresos, pode pronosticar os resultados da crise que traerá consigo a pandemia, especialmente nalgúns sectores cos que o Concello de Xinzo pode implicarse.    

Cambio á luminarias de baixo consumo

No próximo pleno municipal, tamén se solicitará unha subvención ao Instituto para a Diversificación do Aforro e da Enerxía, dependente do Estado español, para cambiar as luminarias en 7 localidades. O importe da axuda, no caso de que o IDAE aprobe a súa aplicación nas localizacións subvencionables, é de 1.852.513,62 euros. Desta cantidade, o Concello tería que pór o 20%, que corresponde a 370,502,93 euros. 

 

Por último, entre os puntos a tratar hai unha ordenanza obsoleta sobre a tenenza de animais perigosos que se adaptará á nova normativa vixente, existente dende 2017. A adaptación estipula que todos os animais deste tipo teñen que facer unha cartilla e pagar unhas taxas no concello para estar inscritos como especie perigosa

Comentarios