viernes 14/5/21
público e gratuito, na avenida de celanova

Novo aparcadoiro en Xinzo

O párking terá cabida para 25 vehículos e será de rotación continua.

parcela
parcela

Liberar os espazos públicos de vehículos é o propósito do Concello de Xinzo, que proxecta a construción do seu segundo aparcadoiro público gratuíto na avenida de Celanova. Trátase dunha superficie ao aire libre que pretende aliviar a circulación polas principais rúas do municipio, xa que é habitual detectar coches mal estacionados nesta zona comercial. Precisamente dinamizar o comercio é outro dos obxectivos que persegue o executivo local nun momento no que a pandemia mantén en o sector nunha crise que parece non ter fin.

As xestións para que este segundo párking público gratuíto sexa unha realidade están moi avanzadas e xa existe un acordo co propietario de terreo (que cederá a súa parcela para este uso público a cambio da exención do Imposto sobre Bens Inmobles) por un período de tempo de seis anos. Está previsto que o aparcadoiro teña cabida para 25 vehículos e que as prazas sexan de rotación continua.

Forma triangular e estacionamento en batería

gráfico

A distribución das prazas será en batería para optimizar o espazo dispoñible, que se adapta á forma triangular do terreo. Nun dos vértices irán un total de 11 espazos aptos para o aparcamento, mentres que o resto se repartirá entre os restantes. O proxecto contempla un amplo espazo para facilitar a mobilidade dos vehículos no interior do párking.

O primeiro párking destas características que se construíu en Xinzo emprázase na rúa Curros Enríquez, concretamente fronte a praza Carlos Casares, con entrada e saída desde a rúa Otero Pedrayo e Vicente Risco, a escasos metros da casa consistorial. Esta superficie conta con preto dun centenar de prazas.

O executivo quere seguir apostando por esta fórmula de aparcadoiro que contribúe a liberar as principais rúas comerciais de vehículos.