Olas encargadas e o deseño do cartel en marcha a 102 días de que comece o Entroido de Xinzo

olas
Olas encargadas e o deseño do cartel en marcha a 102 días de que comece o Entroido de Xinzo

Os preparativos para a posta en marcha do Entroido 2017 de Xinzo de Limia comezaron a mediados de outubro. A comisión formouse hai unhas semanas con 8 persoas á fronte e que repiten na organización do festexo.

Faltan 102 días para que empece a celebración o 4 de febreiro, pero xa se produciron os primeiros encargos como o das olas para o domingo Oleiro. As pezas elaboraranse un ano máis en Niño da Aguia da man dun artesán que leva 30 anos traballando o barro. O proceso é laborioso por iso precisan encargarse con tempo de antelación. No Oleiro 2016 contaron con 325 olas, 250 para os maiores e 75 para o xogo dos máis pequenos.

O cartel que vai representar o Entoido 2017 tamén está en proceso, a semana pasada fixéronse públicas as bases do concurso. O 18 de novembro remata o prazo para a presentación dos traballos e logo serán expostos na Casa da Cultura para proceder á votación do gañador.

A finais deste mes terá lugar unha xuntanza cos directores das escolas da Limia para organizar o desfile infantil do venres a mañá. A boa acollida da iniciativa do Concello de Xinzo de xuntar ós escolares da comarca para desfilar polas rúas da vila, motivou que en 2017 se volva repetir a experiencia.

nenos

A comisión e o Concello traballan tamén para levar a cabo unha aula didáctica no Museo do Entroido co fin de que os nenos e nenas da contorna coñezan a historia do festexo, facendo fincapé na celebración e en como se viste unha Pantalla e como se comporta.