O pleno de Xinzo insta ao Goberno a cambiar o decreto para paliar os efectos dos temporais

Antón Rivero
O pleno de Xinzo insta ao Goberno a cambiar o decreto para paliar os efectos dos temporais
A corporación solicita que esta normativa estatal se adapte ás especificidades da comarca REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia O pleno do Concello de Xinzo celebrado...

A corporación solicita que esta normativa estatal se adapte ás especificidades da comarca

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

O pleno do Concello de Xinzo celebrado esta mañá presentaba unha moción conxunta sobre os efectos das choivas no medio rural. No texto solicitan á Xunta e ao Goberno central “axudas para paliar os danos” producidos polos temporais que inundaron os campos limiaos. Ademais de pedir a intercesión da Deputación, así coma á Confederación Hidrográfica Miño Sil que limpe as canles de desaugue e a Medio Rural que se encargue das pistas forestais, decidiron tamén instar ao Goberno de Mariano Rajoy para que adapte o Real Decreto para paliar os efectos dos temporais ás especificidades da comarca.

Apenas uns minutos lle dedicaron ao debate deste punto da orde do día. Soamente o voceiro do BNG Ramiro Rodríguez quixo “facer unha chamada de atención” sobre o asunto para que o equipo de goberno o teña “coma urxente e prioritario”, para que ningún agricultor “quede fora como pasou da última vez”, explicou.

Antón Rivero será fillo predilecto de Xinzo  

Tamén de maneira conxunta e sen apenas comentarios se aprobou a declaración de Antón Rivero Coello como fillo predilecto da vila de Xinzo. A moción foi iniciativa do grupo municipal de ANOVA e o seu concelleiro, Manuel Pérez Campos falou de Rivero Coello coma una “persoeiro da nosa época e cunha ampla traxectoria”, polo que era “un deber anticiparse ao seu pasamento para facerlle este recoñecemento”.

O resto do pleno discorreu coa discusión de puntos de carácter interno e administrativo, pero foi á moción contra o proxecto da lei do aborto á que se lle destinou máis tempo da sesión. O encargado de abrir o debate foi o PSOE por medio da súa voceira Elvira Lama, mediante a lectura dun texto no que se solicitaba a retirada do proxecto de lei. Segundo Lama, a reforma desta normativa colocaría a España na cola da Unión Europea, e expuxo que a “liberdade sexual e reprodutiva das mulleres debería estar por riba de calquera relixión ou ideoloxía”. O resto de grupos da oposición apoiaban a iniciativa pero o Partido Popular decidiu presentar unha nova moción que segundo explicou o voceiro, Manuel López Casas pedía “mellorar a lei para lograr o consenso da maior parte de forzas políticas”.