miércoles 28/7/21

A praza do Conservatorio, adxudicada en 47.839 euros, deixará de ser un espazo marxinal e pechará de noite por seguridade

O prazo de execución da reforma, que converterá este lugar nun pequeno auditorio ao aire libre, será de 3 meses e estará lista para o inicio do novo  curso

conservatorio

Que os máis de 400 metros cadrados da praza do Conservatorio teñan utilidade para a veciñanza e non volvan a presentar o estado actual de deterioro. Este e obxectivo do Concello de Xinzo, que xa adxudicou a reforma que cambiará  radicalmente a imaxe deste espazo. O novo uso desta zona, que hoxe é so de paso, implicará ademais o seu peche de madrugada, para garantir así a seguridade e preservación do mesma. O executivo local vén de aprobar a adxudicación das obras á empresa Explotacións Ambientais, cun presuposto de 47.839 euros e un prazo de execución de 3 meses.

O proxecto para a recuperación deste lugar, emprazado a escasos metros da praza Carlos Casares, establece as obras necesarias para a execución das demolicións, limpeza, nivelación, pavimentación e a instalación de mobiliario co fin de humanizar un espazo residual da vila que, a día de hoxe, encóntrase inutilizado  e ocasiona algúns problemas de seguridade.

Os traballos consistirán na colocación de pavimento decorativo, acorde  cos motivos musicais; o peche do recinto; a colocación de mobiliario e a instalación de iluminación. A intervención permitirá ao Concello dispor dun recinto no que se poidan celebrar concertos, proxeccións de cine, representacións teatrais ou outro tipo de eventos de forma controlada.

Motivos musicais en distintas cores

Os problemas de seguridade que se ocasionan na praza preocupan moito ao goberno local, xa que o lugar vén sendo utilizado polos rapaces para actividades que ocasionan problemas coa veciñanza. Coa rehabilitación das instalacións e o seu peche a horas intempestivas prevese dar un xiro radical ao uso que se fai deste lugar.

Tal e como figura no proxecto, como primeiro paso efectuarase a reparación e limpeza do pavimento. Colocarase un revestimento decorativo con motivos musicais en distintas cores. Ademais, está prevista a colocación dunha estrutura modular a base de postes de aceiro galvanizado sobre os que se fixarán paneis de policarbonato. Para evitar os problemas de seguridade anteriormente citados, instalaranse dúas portas batentes con chave revestidas con aceiro que impedirán o acceso ao recinto. A maiores, substituirase a iluminación existente por uns proxectores LED e garantirase a suficiente luz para a realización de eventos. Bancos, xardineiras e unha papeleira serán outros dos elementos que contribuirán a ornamentación.