martes 27/10/20

PSOE de Xinzo: “O Concello escolleu a forma máis cara para devolver o plan de axuste”

Segundo a súa voceira, Elvira Lama “serán os veciños os que teñan que soportar máis e máis presión fiscal ata...
elvira lama

Segundo a súa voceira, Elvira Lama “serán os veciños os que teñan que soportar máis e máis presión fiscal ata o 2032”

REDACCIÓN [email protected] Twitter: @Dendealimia

O grupo dos socialistas de Xinzo de Limia, a través da súa voceira Elvira Lama, asegurou que a fórmula escollida polo goberno de Antonio Pérez para devolver os cartos prestados polo goberno central ao municipio “é a máis cara”. Despois da decisión de alongar 10 anos máis o prazo para devolver o diñeiro en concepto de Plan de Axuste tomada no último pleno, Xinzo terá ata 2032 para arranxar as súas contas con Madrid. Unha estratexia duramente criticada pola oposición, e ante a que Lama argumentou que desta maneira o que fan é “hipotecar o futuro económico do concello e que sexan os veciños os que teñan que soportar máis presión fiscal durante outros dez anos máis”.

As facturas que o municipio limiao ten que aboar remóntanse a 2010 e segundo o PSOE son “froito dunha mesma política, facer obras sen cartos e non pagar os servizos prestados”. Así, co fin de xuntar a suma a devolver, as contribucións continuarán aumentando xunto cos prezos das taxas e impostos que os veciños deben pagarlle o Concello. Ademais, non será posible facer obras por máis de 350.000 euros, unha situación que segundo Lama provocará “que sigamos no furgón de cola das vilas da provincia en materia de renovación de infraestruturas”.

 “Unha situación insostible para as asfixiadas arcas municipais, que cunha débeda que se incrementa mes a mes por falta de ingresos, pago de sentencias e retención das aportacións estatais por non entregar as Contas en tempo e forma impedindo acceder a calquera subvención de outras administracións, fai imposible ata o pago de nóminas os traballadores”, así describen desde o principal grupo da oposición o panorama económico da capital da Limia.

“Se o anterior alcalde encadeaba o concello coa consesionaria de Augas ata o 2036 , Antonio Pérez deixa como legado, outra cadea ata o 2032 co Ministerio de Facenda. Estes si que son os bos gobernantes” lamentaba Elvira Lama.

Comentarios