miércoles 12/8/20

Ramiro Rodríguez: “a saída máis lóxica é que Pérez marche para a casa”

Desde o grupo nacionalista consideran que “o que está pasando co alcalde está facéndolle moito dano ao propio Concello e...
Ramiro Rodríguez
Ramiro Rodríguez

Desde o grupo nacionalista consideran que “o que está pasando co alcalde está facéndolle moito dano ao propio Concello e os veciños”

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

[email protected]

Despois de que La Voz de Galicia publicase esta mañá a nova sobre a imputación de Antonio Pérez por un presunto delito de prevaricación, tamén falamos co voceiro do BNG en Xinzo, Ramiro Rodríguez. E el teno moi claro: “a saída máis lóxica para esta situación é que marche para a casa e deixe que alguén acabe a lexislatura”. “O que está pasando co alcalde, a continua presenza deste caso na prensa, está facéndolle moito dano ao propio Concello e os veciños”, argumentaba o nacionalista.

Tampouco había sorpresa nas verbas de Ramiro Rodríguez ao falar da imputación de Antonio Pérez. É máis, o líder nacionalista recordaba que “desde o BNG xa diciamos desde hai tempo que isto víase vir”. O que tamén teñen claro neste grupo da oposición é que “esta xa é un situación insostible, Pérez xa tería que ter dimitido cando se coñeceron as primeiras sentenzas”. Unhas sentenzas que xa chegan a nove e que anulan outros tantos contratos elaborados polo Concello de maneira ilegal en 2012.

En canto a se Pérez dimitirá ou non, por moito que llo pida a oposición, desde o BNG móstranse escépticos: “desde hai un mes cara aquí percibimos que el ten toda a intención de rematar o mandato”. “De feito, máis ben parece que está intentando reconducir o que vai acontecendo para manterse no poder”, explicaba Rodríguez. A pesar de todo, seguen solicitando que “presente a súa dimisión inmediatamente”.

Comentarios