Rápida resposta dos representantes dos país e nais da E.I. “Galiña Azul” de Xinzo

E.I. Galiña Azul de Xinzo
Rápida resposta dos representantes dos país e nais da E.I. “Galiña Azul” de Xinzo

Din que si a cousa está como manda a normativa, eles están loxicamente satisfeitos e contentos con que se abra...

Din que si a cousa está como manda a normativa, eles están loxicamente satisfeitos e contentos con que se abra a aula, pero queren ver os papeis da autorización administrativa

COMUNICADO EN RESPOSTA ÁS DECLARACIÓNS DO ALCALDE DE XINZO DE LIMIA EN RELACIÓN COA AMPLIACIÓN DA ESCOLA INFANTIL O pasado 15 de setembro celebrouse un Consello Escolar na E.I. de Xinzo de Limia, durante o cal os representantes dos pais -despois de manifestar a nosa alegría e satisfacción polo feito de que se ampliase a escola e de solicitar que se fixese unha ampliación aínda maior-, unha vez consultada a lexislación vixente (concretamente o Decreto 143/2007, artigo 21 e Decreto 329/2005, art.20.3), que regula non só cales son as mínimas condicións que debe reunir unha aula dunha escola infantil, senón tamén como debe realizarse o procedemento de ampliación e modificación dun centro de atención á infancia, manifestamos as nosas dúbidas sobre as condicións de seguridade e idoneidade para funcionar desta aula de nova creación. Para poder quedar tranquilos e asegurarnos de que todo estaba en orde –non debe ser moi difícil entender que, como pais de usuarios e representantes das familias que somos no Consello Escolar, o lóxico é que nos preocupemos pola seguridade e as condicións nas que se atopan as instalacións onde pasan varias horas ao día os nosos fillos- solicitamos poder ver a documentación que acreditase que a obra de reconversión dun espazo interior nunha nova aula era legal e que a aula estaba habilitada a todos o efectos para poder funcionar. Concretamente o que solicitamos –tal como establece o Decreto 143/2007- foi: Solicitude realizada polo Concello ante a Administración pertinente, antes do comezo das obras, para poder executar a obra; a autorización –por parte da Administración pertinente- para poder iniciar as obras; a memoria explicativa deste proxecto e o proxecto visado polo órgano colexial correspondente; a ampliación da póliza de accidentes e responsabilidade civil da escola (pois pasaría a ter unha aula máis); e a documentación que acreditase que esta nova aula reúne as condicións sanitarias, de hixiene e de seguridade que establece a lexislación vixente. A resposta que obtivemos por parte do representante do Concello -e Concelleiro responsable de Sanidade e Benestar- nesa reunión foi que todo estaba en orde e que a aula aínda tiña que pasar unha inspección. Os representantes dixemos que, se todo estaba en orde, mellor, porque iso significaba que se procedera a realizar os trámites oportunos e, polo tanto, o Concello dispuña da documentación por nós solicitada. Non obtivemos resposta de cando, como e onde poderiamos acceder aos papeis que queriamos ver. Pasados nove días, o 24 de setembro, vendo que non se procedeu por parte dos órganos pertinentes –Consorcio e Concello- a ensinarnos os documentos antes sinalados, emitimos un comunicado de prensa explicando esta situación. Podemos afirmar que, a día de hoxe, 28 de setembro, aínda non temos coñecemento da mesma. Hoxe saen publicadas unhas declaracións do Alcalde de Xinzo, afirmando que “no da crédito a que un proyecto de ampliación de dichas instalaciones con el que se pretende dar cabida a los pocos niños que están en lista de espera, sea tratado de esta forma”. Engade que “esta obra cuenta con el visto bueno del Consorcio que ahora, una vez culminados los trabajos, como un mero trámite, deberá enviar a un técnico supervisor para comprobar lo ejecutado e inmediatamente poner en funcionamiento esta nueva aula.”Ademais, indica que “ya cuenta con el visto bueno del técnico municipal, faltando solo el del Consorcio por mero formalismo, por lo que no veo donde está la polémica”, lamentando que “detrás de estas críticas a proyectos que buscan un beneficio para los vecinos puedan haber intenciones políticas.” Ante estas declaracións, os representantes dos pais, manifestamos: 1. A nosa satisfacción polo feito de que todo estea, segundo o máximo responsable do Concello, en orde. Xa que logo, non terá problema ningún en ensinarnos a documentación que acredite que todo se fixo en tempo e forma, e que confirme que a nova aula está en óptimas condicións para o seu funcionamento e ten a autorización administrativa pertinente. É dicir, reiteramos que queremos ver eses documentos; inda máis, instámolo a que llos ensinase aos medios de comunicación para despexar as dúbidas que a cidadanía poida ter sobre este asunto. 2. Descoñecemos a que se refire cando sinala que lamenta “que el proyecto... sea tratado de esta forma”. A que se refire? En todo caso o único trato improcedente é o do Concello que el preside, que lle nega a información aos representantes dos pais. Información que demostre que se cumpriu a lei. Porque supoñemos que o seu concelleiro lle transmitiu todo o que solicitamos na reunión do pasado 15 de setembro. Que problema hai en que os pais solicitemos que se nos demostre que se cumpre a lei?. 3. Aclararlle que por parte dos representantes das nais e pais no Consello Escolar non hai ningún tipo de intencionalidade política. Sorprende que alguén poida afirmar que a nosa actuación neste tema persiga unha finalidade política. Cre vostede que velar pola seguridade e as condicións de habitabilidade e funcionalidade da gardería á que acoden os nosos fillos é facer política? Os nosos fillos e os dos outros pais e nais están por riba de calquera ideoloxía ou intencionalidade política. De momento, neste asunto, o político é vostede e quen non satisfai as nosas demandas, quen non informa, é o Concello que vostede preside.