miércoles 30/9/20
O pleno da Corporación aprobou solicitar ao IDAE unha subvención que lle permita substituír case 5.000 lámpadas

Xinzo investirá 1,8 millóns de euros para obter un aforro anual dun 70% na factura da luz

Cero euros pola taxa das terrazas neste 2020 e exención total de cantidades a satisfacer ás arcas municipais pola posta en marcha de establecementos comerciais no Concello de Xinzo ata o 2022 son as principais medidas aprobadas no pleno ordinario de agosto da Corporación limiá. 
A cesión dun local pertencente ao Concello á Cruz Roja foi outro dos puntos da orde do día de sesión plenaria, onde se deu tamén o visto e prace á solicitude dunha subvención ao IDAE

Só o Partido Popular exerceu de oposición no pleno ordinario deste 6 de agosto en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.
Só o Partido Popular exerceu de oposición no pleno ordinario deste 6 de agosto en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

O pleno municipal ordinario, que tivo lugar hoxe, xoves 6 de agosto, na Casa do Concello de Xinzo de Limia, centrouse na votación de 15 puntos que poden sintetizarse en catro eixos temáticos: a substitución da luminaria actual por lámpadas de baixo consumo en todo o municipio, a suspensión no pago das taxas das terrazas e na taxa de apertura, as medidas de seguridade de cara ao comezo de curso escolar e a doazón á Cruz Vermella dun local pertencente ao Concello.

Sustitución da luminaria

O primeiro punto versou sobre a subvención de 1,8 millóns solicitada ao Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE) para proceder ao cambio do alumeado público. O edil de Facenda e Promoción Económica, Manuel Pérez Campos, de Xinzo Adiante, argumentou que as obras poden supor un aforro do 70% na factura da luminaria pública do Concello de Xinzo: "No caso de que non se nos conceda a axuda, non se poderá realizar a obra, pero sería imprudente perder a ocasión de solicitala", concluiu o integrante de XA. Montserrat Lama, a representante de Ciudadanos na Corporación local, quixo engadir que non se debería perder unha axuda que se vai cofinanciar ao 80%, ademais de que "un aforro do 70% poderá aproveitarse en calquera outro ámbito: deporte, cultura, educación...". 

"O proxecto vai supoñer un grandísimo aforro" tendo en conta que se trata de 4.610 puntos de luz, explicou a edil. Xustificación que lle permitiu darlle un voto favorable á iniciativa do equipo de Goberno antelán.

Montse Lama, a voceira da formación laranxa de Ciudadanos. | FOTO: Noelia Caseiro.Montse Lama, a voceira da formación laranxa de Ciudadanos. | FOTO: Noelia Caseiro. 

As medidas que tomou o anterior equipo de goberno para acadar a reducción de tal cantidade non foron explicitadas por Antonio Fernández, quen cuestionou en varias ocasións a decisión de investir os cartos neste tipo de proxectos: "É unha boa obra pero, a risco de ser repetitivo, creo que son uns cartos que se poderían investir en mellores iniciativas. Non esquezamos que este Concello ten que achegar 370.000 euros ao proxecto final no caso de recibir a subvención".

O punto do día pechouse cos votos a favor do grupo de Goberno e de Ciudadanos e coa abstención do grupo popular

Suspensión no pago das taxas

Acadouse unanimidade no segundo punto do pleno municipal, que versou sobre a suspensión no pago das taxas das terrazas. Todos os grupos botaron a favor. Montserrat Lama, da formación laranxa, ratificou que "todo o que represente unha axuda para os veciños, especialmente autónomos e pequenas empresas, o grupo de Goberno pode contar co noso voto"

Unánime e favorable foi a votación sobre a supresión da taxa de apertura nos locais do municipio. Dende o goberno municipal, pretenden axudar ao emprendemento e aos pequenos comerciantes e estimular dalgún modo a economía local, para evitar que os veciños teñan que acabar desprazándose a outras localidades. O edil do Partido Popular, Antonio Fernández, a pesar do seu voto a favor, quixo recordar a empresarios e autónomos do sector primario e reclamou unha axuda tamén para eles.

Medidas de seguridade no entorno escolar

O mesmo resultado obtívoo a proposta de esixir á Xunta de Galicia un protocolo común para afrontar a volta ó curso, posto que a menos dun mes de que os rapaces da localidade retomen as clases, a preocupación é extrema. "Temos que facerlle ver á Consellería de Educación que as medidas esixidas non impactan do mesmo modo nas arcas públicas dunha cidade que nas dun Concello coma o noso", comentou Montserrat Lama. A adaptación dos centros educativos ás esixencias de seguridade e saúde pública, supón un desembolso importante para o municipio, que só se pode afrontar cun protocolo de actuación común que teña en conta estas limitacións. Antonio Fernández coincidiu: "É algo que nos afecta a todos directa ou indirectamente".

Garantir a seguridade de todos os rapaces que retoman o curso co protocolo que agora mesmo está sobre a mesa, podería custarlle ao goberno municipal unha cantidade entre os 65.000 e os 100.000 euros, segundo os datos aportados pola alcaldesa socialista.

Doazón dun local á Cruz Vermella

O último dos puntos a destacar trouxo algo máis de polémica: especialmente entre os grupos popular e socialista. Un veciño de Allariz , Juan Álvarez, cedeu un local ao Concello de Xinzo coa única condición de reservalo durante os 15 anos seguintes á aprobación plenaria da sesión, que tivo lugar no ano 1994. Elvira Lama explicou a moción proposta, que pretende agora doar ese espazo sen utilizar á Cruz Vermella.

O desencontro iniciouse cando o grupo popular explicou que fora o equipo de goberno anterior quen deixara o expediente preparado, quedando como único impedimento un par de requisitos finais: firmar a aceptación da herdanza ante notario e rexistrar o asento contable. Os populares recrimináronlle ao equipo do goberno municipal unha tardanza excesiva nos trámites últimos.

A discusión rematou cando a alcaldesa socialista explicou que a aceptación da herdanza xa se formalizou e hai que comezar a facer uso deste local"A novidade agora é aprobar unha cesión por parte do Concello á organización internacional da Cruz Vermella, e o voto pode ser favorable ou en contra", concluiu Elvira Lama. A votación pechouse, unha vez máis, por unanimidade, isto é, cos votos a favor do grupo de goberno, Ciudadanos e PP

Plenos telemáticos
Entre os puntos extraordinarios, realizouse a lectura da declaración institucional polas vítimas da pandemia, os afectados e as familias, para transmitir unha mensaxe de ánimo e solidariedade. A continuación, e nesa mesma liña, deuse a coñecer a moción presentada por Ciudadanos para modificar o funcionamiento orgánico do pleno e implantar o voto telemático. O sistema actual obrigou a realizar, ata o de agora, todos os plenos de maneira presencial. A portavoz de Ciudadanos, Montserrat Lama, xustificou así a súa proposta: "Hai que avanzar cos tempos e implantar novos métodos; porque se nos pode presentar unha baixa por enfermidade ou embarazo, especialmente nestas circunstancias, e temos que estar preparados". A Corporación aprobou por unanimidade facultar ao Concello para que dispoña os medios precisos que permitan celebrar sesións plenarias de xeito telemático se as condicións dunha futura ou presente alerta sanitaria ou as dun edil en particular así o esixen. 

Comentarios