viernes 30/10/20

Unanimidade na Deputación para pedir a declaración da Limia como zona catastrófica

A xunta de voceiros acordou levar a moción ao pleno do próximo 28 de febreiro

REDACCIÓN

[email protected]

Twitter: @Dendealimia

Finalmente e por consenso, a petición da declaración de zona catastrófica para A Limia irá ao pleno da Deputación do próximo 28 de febreiro. Os voceiros dos distintos grupos políticos representados no parlamento provincial decidírono unanimemente, para instar así á Xunta e goberno central a que tomen esta medida. Desta maneira a comarca podería beneficiarse das axudas e vantaxes fiscais que se derivan desta situación provocada polas intensas choivas que anegaron os campos revivindo a Lagoa de Antela.

Os representantes provinciais queren ir máis alá. E propoñen negociar unha readaptación do seguro agrario ás características da comarca pataqueira co fin de que se rebaixen as primas. Ademais, desde a Deputación ofrecen asesoría técnica aos agricultores limiaos e colaboración na reparación das infraestruturas danadas pola sucesión de temporais.

CxG denuncia que o termo está obsoleto

O primeiro en asegurar que solicitaría  a declaración de zona catastrófica para a Limia foi o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez. Soamente un par de días despois, Pérez Bouza, líder de Compromiso por Galicia denunciaba publicamente que o termo “zona catastrófica xa non existe desde hai anos”. Para CxG tratase de algo “grave que un responsable municipal, descoñeza a lexislación vixente” e vía na actuación de Pérez unha manobra de distracción “para que pareza que están preocupados polas perdas dos veciños”. A única vía posible para a organización nacionalista sería que o rexedor lle esixise, uníndose ao resto dos seus homólogos da comarca, “unha valoración inmediata dos danos, e que acto seguido estableza unha liña de axudas directas, para contribuír na medida do posible a paliar as perdas ocasionadas polo temporal”.

Comentarios