martes 21/9/21

Veciños de Xinzo denuncian a chegada de recibos do lixo por solares e hortas sen uso residencial

O PSOE pídelle ó goberno local que lle reclame á Deputación pesoal para solucionar o problema

    O malestar cidadán ante o cobro dos recibos por recollida de lixo vai en aumento. Os socialistas fixeron eco das súas protestas e sinalan que veciños de Xinzo "levan días recibindo uns recibos nos que se lle indica que deben aboar a taxa pola recollida de RSU, delegada competencialmente na Deputación de Ourense, incluíndo atrasos e, polo tanto, unhas cifras moi altas e difíciles de afrontar de vez". 

Destacan dende o PSOE que ós afectados non se lle notificou en tempo e non poideron solicitar o pago fraccionado. "Parece mentira que o goberno municipal e a Deputación non teñan en conta a situación complicada pola que están a pasar as familias na nosa provincia e a dificultade de afrontar pagos que inclúen atrasos e novas altas". 

Outro problema que está emerxendo é que en moitos casos as referencias catastrais conteñen erros. Isto está provocando que a moita xente lles están chegando recibos da recollida do lixo por solares e hortas sen uso residencial, sen ningunha construción nas mesmas. 

Os socialistas denuncian un abuso por parte da administración e unha mala xestión e engaden que "non houbo unha atención personalizada nin un asesoramento dos veciños e veciñas polo que se dan tamén casos nos que non se xera lixo, posto que se trata de pisos sen dividir e sen habitar, e aínda así, seguen a emitir o recibo".

As queixas vanse acumulando no Concello ó tempo que crece o descontento entre os veciños que xa anunciaron que van tomar medidas de presión se o goberno local non actúa. 

Ante estes feitos o grupo municipal socialista esíxelle ó goberno do PP que lle solicite á Deputación persoal de apoio do servizo de recadación. Consideran que así se poderá atender mellor as reclamacións e dúbidas das persoas afectadas e evitarlles o desprazamento a Ourense para facer estes trámites. 

 

Comentarios