sábado 28/11/20

Veciños de Parada de Ribeira denuncian a tala masiva de carballos centenarios

A asociación O Muíño da Lama deu a voz de alarma do que pasaba con estas especies protexidas REDACCIÓN [email protected] Twitter: @Dendealimia A asociación...
Carballos Boián
Carballos Boián

A asociación O Muíño da Lama deu a voz de alarma do que pasaba con estas especies protexidas

REDACCIÓN [email protected]ia.com Twitter: @Dendealimia

A asociación cultural “O Muíño da Lama” denunciou a semana pasada a tala masiva de carballos centenarios que foi perpetrada na parroquia limiá de Parada de Ribeira de Xinzo de Limia nunha zona do monte coñecida como Boián. Segundo os propios veciños unha ducia destas árbores, “algunhas delas con preto dun metro de diámetro e máis de vinte metros de altura, foron cortadas de raíz”.

Para este colectivo trátase dun “gravísimo atentado contra a especie de árbore máis simbólica e prezada do monte galego, así como o que esta desfeita supón contra a natureza e o medio ambiente polas súas nefastas e irreparables consecuencias”.Fontes consultadas pola asociación indican asemade que o propietario das árbores non tivo coñecemento das talas ata que foi avisado por membros da asociación e da veciñanza da parroquia, tralo cal interpuxo a correspondente denuncia destes graves feitos no cuartel da Garda Civil de Xinzo de Limia.

A asociación pola súa banda tamén puxo estes feitos en coñecemento do Seprona, da Dirección Xeral de Montes, Dirección Xeral de Conservación da Natureza e da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería do Medio Ambiente solicitando “a inmediata paralización das talas”.

Comentarios