A xente de Limisi traballa arreo para completar os encargos de material de Entroido

araceli
A xente de Limisi traballa arreo para completar os encargos de material de Entroido

Coa venda de chapas,chaveiros e libretas axudan a manter o seu centro de actividades

A actividade estes días en Limisi é intensa, están confeccionando as chapas, libretas e por vez primeira chaveiros co cartel do Entroido 2016. Unha vez feitos, repártennos polos distintos establecementos de Xinzo que queiran colaborar pondo o seu material á venda. "O diñeiro que conseguimos úsase para manter o centro e evitar o seu peche, así reflotamos algo, pero hubo anos que tivemos que pechar a media xornada polos apuros económicos", comenta a secretaria da asociación e encargada de comunicación, Araceli Losada.

O certo é que cada vez teñen máis pedidos xa non só en datas sinaladas como Nadal ou Entroido, senón tamén para facer agasallos para vodas ou calquera evento de tipo social. Este ano a maiores prepararon as chapas para a charanga XL. Neste senso, agradecen o apoio que lles mostran os veciños e veciñas de Xinzo

Estes talleres forman parte das súas actividades ocupacionais, nas que tamén entra a cociña; o deporte unha vez por semana; a costura, fan dende camisetas ata peluches ou babeiros e a horta, plantando todo tipo de hortalizas. Contan tamén con actividades formativas, onde entra por exemplo o teatro ou a escritura, e da vida diaria, como estimulación ou conversación, potenciando o contacto dos membros do grupo, entre outras moitas. Os venres pola tarde están dediados ó ocio e é o tempo de saír a tomar algo, ver unha película ou facer xogos grupais.

Ata chegar a donde están agora pasaron moitos esforzos. Limisi nace no 2002 como unha asociación de pais, nais e persoas con discapacidade intelectual. Comezan a súa andaina na Casa da Cultura de Xinzo con algunha que outra actividade. Este paso dáse ante a inquedanza dos pais e nais, que se querían levar ós seus fillos a un centro de actividades tiñan que desprazarse ata Ourense ou ingresalos en centros de fóra. No 2006 incorpórase Patricia, e comezan a ter actividades diarias pola mañá. No 2008 chegou Janira e a base de moito traballo conseguiron un espazo para instalar o seu centro e poder programar nel actividades de tipo diario dende as 10h ata as 17h.

Actualmente estas dúas traballadoras conseguiron dúas coidadoras máis que lles axudan na súa labor, e reciben a axuda de dúas voluntarias a través dun programa europeo. Deste xeito poden levar a cabo o seu traballo axeitadamente, pois hai xente que precisa estar acompañada todo o día.

Non cesan na súa loita por conseguir a súa meta de ser autosuficientes e non depender da administración pública ou os bancos. A súan intención é conseguir vivir das vendas, pago de socios e as cotas dos usuarios, e non sufrir ano tras ano a incertidume de si reunirán diñeiro suficiente para manter o centro.

Outra meta, conseguir un vehículo adaptado para transportar a diario ós seus usuarios. Sucede que no goberno do bipartito, a Xunta puxo o servizo do 065, isto é, un servizo de transporte adaptado diario para recoller e levar de volta a xente de Limisi. Co cambio de goberno, a Xunta reduciu o servizo a tres días e hai moitos usuarios que non poden acudir as súas actividades diarias os cinco días da semana.

Outros proxectos de futuro son montar unha tenda para vender os seus produtos e conseguir un piso tutelado. Entre tanto esfórzanse cada día para seguir loitando polo seu centro e a súa xente. Se queren colaborar poden facerse socios ou socias acudindo a Limisi, cubrindo un formulario e pagando 15 euros ó ano.