Xinzo Adiante manifesta que se derrubou un lavadoiro en Ganade sen aprobación dos veciños

pedras
Xinzo Adiante manifesta que se derrubou un lavadoiro en Ganade sen aprobación dos veciños

O Concello sinala que tras propor reconstruílo o pobo preferiu unha praza e unha fonte no lugar

A principios de ano o Concello de Xinzo de Limia decidiu derrubar o lavadoiro de Ganade, segundo manteñen, debido ó mal estado do seu teito e tamén porque perdía auga. Un par de veciños presentáronse na casa consistorial para tratar o asunto co tenente alcalde quen lles transmitiu que a intención era reconstruílo.

Segundo fontes municipais os veciños e veciñas acordaron xuntarse en concello aberto o día 17 de xaneiro, e decidir entre todos que facer nese espazo baleiro. Finalmente a maioría votou por construír unha praza e unha fonte para aproveitar o paso dun manancial pola zona. A decisión seríalle transmitida ó Concello, segundo informan, quen levará a cabo os traballos de remodelación.

Dende Xinzo Adiante manteñen que o Concello derrubou o lavadoiro sen contar co apoio dos veciños e veciñas que viron con sorpresa como desaparecía a construción. Engaden dende XA que agora as pedras retiradas están acumuladas na zona do Toural sen saber cal vai ser o seu uso. Neste senso, dende o concello apuntan que as pezas están gardadas na nave municipal de maneira provisional ata que se empreguen nalgunha obra.