martes 21/9/21

Xinzo Adiante denuncia a manipulación do grupo de goberno na organización das festas patronais

Sinalan que é un erro culpar á veciñanza de non querer organizar a Santa Mariña

concelleiros grupo XA

    Xinzo Adiante súmase á denuncia feita tamén polos socialistas tras o comunicado emitido dende o Concello no cal botaban en falta a implicación da veciñanza e da oposición para organizar as festas patronais. "O normal é que un grupo de goberno goberne, tome decisións, organice actos, festas... recordámoslle ó señor concelleiro que para iso cobra media dedicación exclusiva que nos supoñen un gasto de arredor de 1700 euros cada mes ós habitantes deste municipio", destacan dende XA.

A maiores destacan que non se pode culpar ós veciños e veciñas de non querer organizar unhas festas pois sinalan "para iso lles pagan ós que gobernan." Tampouco entenden que lle achaquen á oposición a súa falta de implicación cando " non recibimos ningún tipo de chamada ou convocatoria para falar do tema. Resulta paradóxico que o concelleiro acuse a todos os habitantes e á oposición , é dicir, só se deben salvar os 9 concelleiros do PP cando este señor o ano 2015 lle encargou a organización destas festas e do Entroido á asociación “Troula de Festa”, que veu a ser un chiringuito do PP " apuntan os membros de Xinzo Adiante. 

Destacan que a falta dun mes para que teñan lugar as festas de Santa Mariña non se lle pode pedir á veciñanza que asuma a organización das mesmas. Dende XA consideran que esta actitude do concelleiro débese a un exceso de carga de traballo ó asumir unha única persoa as áreas de cultura, educación, deporte, festexos e xuventude. Nesta liña solicítanlle ó alcalde que faga unha redistribución de competencias entre os edís que forman o grupo de goberno.

Comentarios