miércoles 3/3/21

Xinzo adicará todos os recurso "posibles" a axudas pola crise e pide igual esforzo ás outras administracións

Os concelleiros renunciaron as dietas correspondentes ao pleno

O Concello de Xinzo aprobou hoxe por unanimidade adicar todos os recursos posibles, no marco dos presupostos de 2021, a axudar aos sectores afectados polos peches, limitacións e restricións horarios derivados da crise sanitaria.

Este é primeiro acordo dunha batería de iniciativas que pretenden paliar os efectos negativos que a actual situación está a provocar na economía local,  polo que tamén por unanimidade se acordou esta mañá instar ao resto de administracións a facer esforzos similares.

En concreto, acordouse que a entidade local solicite, co respaldo de todos os grupos, liñas de axudas directas tanto á Deputación Provincial, como á Xunta de Galicia e ao Estado para os sectores máis danados pola pandemia e que son estratéxicos para a economía local, como a hostalaría , o comercio local ou a agricultura, entre outros.

Por outro lado, tamén demanda das mesmas administracións partidas económicas para que o Concello de Xinzo poda facer fronte aos gastos derivados da situación creada pola covid-19.

En paralelo, o pleno de hoxe, reunido con carácter extraordinario ante o agravamento da situación epidemiolóxica de Xinzo, acordou pedirlle á Xunta de Galicia que se estude a elevada taxa de incidencia do Concello e a comarca e que continúen adoptándose todas as medidas que foran necesarias para protexer a saúde dos veciños e veciñas, así como trasladar todos os acordos ao resto de municipios da bisbarra por si quixeran realizar solicitudes similares.

RENUNCIA AO COBRO DE DIETAS

De xeito simbólico, os concelleiros e concelleiras de todos os grupos renunciaron a cobrar tanto por este pleno como pola xunta de portavoces do martes pasado (na que se alcanzou o acordo aprobado hoxe) para destinar  ese diñeiro a Servicios Sociais.