Xinzo de Limia aproba os orzamentos para o 2018

IMG_4431
Xinzo de Limia aproba os orzamentos para o 2018

Co voto favorable do alcalde e o grupo popular e o voto en contra dos tres partidos da oposición, os orzamentos do ano 2018 foron aprobados.

O pleno ordinario de hoxe na capital da Limia presumíase longo, e non defraudou. Tralo recoñecemento público de honra aos policías xudiciais que xa fora anunciado, procedeuse a iniciar unha sesión plenaria que durou máis de tres horas.

O punto clave do día de hoxe foi o debate e aprobación inicial dos orzamentos para o 2018. Coma sempre e trala lectura do punto do día por parte da secretaria do concello, o voceiro do BNG, Ramiro Rodríguez, fixo uso da palabra. Ao igual que ocorrera o ano pasado, os tres voceiros da oposición parabenizaron aos técnicos do consistorio por ter presentado a proposta de orzamentos en tempo e forma, algo que anos atrás non era tan habitual. "É un orzamento practicamente idéntico ao do ano anterior", sinalou Rodríguez Suárez, que destacou unha pequena "discrepancia entre o informe económico-financeiro e o informe de estabilidade".

IMG_4427

O voceiro nacionalista sinalou que, segundo o documento da proposta orzamentaria, o goberno ten previstos en transferencias correntes por tributos do Estado, practicamente o mesmo que ano pasado. "Entendo que nos mantemos por riba dos 10.000 habitantes", afirmou Ramiro a este respecto. Porén, pouco tempo despois o alcalde recoñecía que Xinzo xa se atopaba por baixo dos 10.000 habitantes.

"Chámanos a atención a partida de locomoción –transporte– dos membros dos órganos de goberno, que pasa dos 20.000 € aos 100.000 €", destacou Rodríguez. De novo volveron saír a relucir os elevados gastos en persoal, que roldan o 50% do total orzamentado: "seguimos sen unha RTP aprobada en Xinzo de Limia, pois non sabemos canto persoal precisamos".

O capítulo de investimentos aumenta un pouco con respecto ao ano anterior (a máis de 630.000 €). Porén, dende o BNG botan en falta "planificación".

Todos os grupos opositores coincidiron en sinalar que "a redución da débeda é grazas ás constantes subas de impostos e venda de patrimonio".

Manuel Pérez Campos, voceiro de Xinzo Adiante, destacou que se "cadran cantidades pero non se solucionan problemas graves que temos en Xinzo de Limia como é a constante caída da poboación". "Seguen a diminuír os ingresos do Estado e da Xunta de Galicia", sinaloou tamén.

IMG_4432

Dende a formación independente XA cualificaron tamén investimentos como "insuficientes", pois, "se facemos comparativa con outros concellos do entorno, atopamos que estes adican, como mínimo, un 20% do orzamento anual a investimentos; e aquí pouco máis do 7%", engadiu Pérez.

En Xinzo Adiante seguen lamentando que entidades sen fin social como o Casino Antelán siga percibindo diñeiro de subvencións nominativas e que mesmo se lle dean 20.000 € ao Obispado cando "ten moito máis diñeiro que o concello de Xinzo".

Elvira Lama, voceira do PSdeG, comezou a súa intervención lembrando iniciativas socialistas que o Goberno admitiu e aprobou este ano. "Outras iniciativas seguen no caixón, pero seguiremos traendo novas propostas", enfatizou.

IMG_4435

"¿Para que serve a recén creada ordenanza de subvencións se a principio de ano xa repartimos cartos a dedo?", se preguntaba Lama con respecto ao reparto das subvencións nominativas do 2018. Ante a afirmación do alcalde de que eran os orzamentos máis sociais da historia de Xinzo, Lama argumentou que "non son os orzamentos máis sociais a non ser que entendan por sociais repartir diñeiro a dedo".

Manuel López Casas, tenente-alcalde e voceiro do grupo popular, contraargumentou sinalando que "non son os orzamentos do PP, senon os de Xinzo" e afeoulle á oposición que "o outro día só se adicaran 6 minutos ao debate dos orzamentos na comisión". "Non aceptaron o convite do alcalde cando lles dixo que fixeran vostedes os orzamentos que nós os aprobariamos como sexa; pero non aceptaron o convite", proseguiu Casas.

Para o PP, "un incremento dun 30% nos investimentos é algo moi importante". "Pero é moi importante algo que se pasou aquí de largo: a redución da débeda", destacou o voceiro popular.

IMG_4439

Casas aproveitou para adiantar algúns dos investimentos ocn diñeiro comprometido doutras institucións: "temos comprometidos outros 650.000 € para a Avenida de Celanova na primeira fase da rotonda, Augas de Galicia dará 350.000 € para Morgade e para a Rúa da Igrexa investiranse 84.000 €".

"E contamos co apoio na Deputación da señora Lama e de Ramiro –non nomea a Montse Lama– e en Santiago co do concelleiro e deputado Carlos Gómez 'porque é máis importante ser concelleiro que deputado, señor Gómez'", concluíu. Tras este lapsus, o voceiro de Xinzo Adiante aproveitou para lle preguntar con sorna a que "señora Lama" se refería.

Nos turnos de réplica, os partidos opositores aproveitaron para reforzar as súas posturas e críticas á proposta orzamentaria. "Despois da intervención do portavoz do PP, aquí da a sensación de que nunca gobernou o PP", sinalou Manuel Pérez Campos. Lama sinalou que "polo de pronto coido que reciben vostedes da Deputación o xusto e hai concellos limítrofes como o de Baltar que reciben moito máis".

IMG_4437

Tralas réplicas tomou a palabra o alcalde, Antonio Pérez."Señor Rodríguez Suárez, ten vostede un ano a partir de agora para facer uns orzamentos mellores de cara ao ano próximo", lle espetou ao voceiro nacionalista. "Se queren reducir os gastos de persoal, que están no 48%, pois porpoñan facer un ERE", continuou Pérez.

"Nós temos feito unha campaña bestial para empadronar á xente que reside aquí", dixo en referencia á baixada de poboación. "En Xinzo viven 5 alcaldes de diferentes colores, pero só eu estou empadronado; máis non podemos facer contra a constante baixada da poboación", sinalou.

Pérez defendeu o diñeiro destinado a subvencións ás asociacións.

Finalmente, os orzamentos aprobáronse en segunda votación co voto de calidade do alcalde, pois ante a ausencia da concelleira Montse Lama, houbo empate nos votos.