lunes 28/9/20
O Concello asegura que fará todo o que estea na súa man para facilitar o comezo das clases en tempo e forma

Xinzo cede á Xunta de Galicia máis dunha ducia de aulas e outros centros municipais para o inicio do curso

A alcaldesa do municipio limián, Elvira Lama, non dubida en ofertarlle ó organismo autonómico a axuda necesaria, pero reclama un presuposto unitario a nivel galego para que os concellos poidan afrontar a "volta á escola" tendo en conta o aumento de gastos -especialmente en limpeza- que implica a "nova normalidade". 

Dez das doce aulas cedidas polo Concello de Xinzo atópanse na Casa da Cultura do municipio. | FOTO: Recuperada.
Dez das doce aulas cedidas polo Concello de Xinzo atópanse na Casa da Cultura do municipio. | FOTO: Recuperada.

Segundo informan fontes municipais, o Concello de Xinzo de Limia ofreceu á Xunta de Galicia máis dunha ducia de aulas para facilitar os desdobres de cara ó inicio do curso.

Dez destas instalacións atópanse na Casa da Cultura e xa foron revisadas polos arquitectos municipais; o resto atópanse nos inmobles -propiedade do Concello- que están a ser utilizados para o ensino musical.

Ademais, o organismo municipal porá a disposición da Consellería de Educación todos os centros sociais do municipio -distribuídos nas diferentes parroquias-, algúns dos cales foron no seu día escolas unitarias.

A alcaldesa, Elvira Lama, asegura que o Concello fará todo o que estea na súa man para poñer á disposición da Xunta todos os espazos dispoñibles e facilitar así o comezo do curso en tempo e forma, pero tamén considera que a administración autonómica ten que facer, pola súa banda, "a parte dos deberes que lle corresponde, pois é quen ten todas as competencias en materia educativa".

Lama considera imprescindible un "acordo orzamentario para que asuma os gastos excepcionais dunha volta ao colexio completamente excepcional". Os concellos fanse cargo dos gastos de mantemento dos centros escolares, pero neste caso duplicados ou triplicados, especialmente os de limpeza.

Ca situación derivada do Covid-19 e co protocolo unilateral elaborado polas consellerías de Sanidade e Educación, o Concello de Xinzo terá que poñer a disposición dos centros unha única persoa para realizar as tarefas de limpeza e desinfección ata 3 veces dentro do horario lectivo.

Esta medida afecta aos CEIPs (Centros de Educación Infantil e Primaria), pero tamén á gardería infantil, ao conservatorio, ás aulas de formación profesional e a escola de gaitas. Segundo os cálculos realizados pola concellería de Educación -que dirixe Alberto Martínez- isto vai a supoñer máis de 100.000 euros por curso.

A alcaldesa socialista insiste na imperiosa necesidade de crear un paquete económico por parte da Xunta para financiar estes gastos, lembrando ademais que o organismo recibiu un fondo de Estado de 100 millóns de euros para organizar a volta á escola.

Lama xa redactou a carta -que chegará á Xunta de Galicia- tras a aprobación de todos os grupos da Corporación local da moción proposta neste senso, con motivo do último pleno.

Comentarios