sábado 19/6/21

Xinzo comeza a traballar nun plan de accesibilidade

Nel colaborará activamente a asociación COGAMI
Cogami
Técnicos de COGAMI con membros do goberno de Xinzo

Hai barreiras arquitectónicas nas rúas de Xinzo de Limia que supoñen un atranco para a vida diaria de moitos veciños. Eliminar estes obstáculos é un firme propósito do Concello de Xinzo, que traballa da man con Cogami para elaborar o primeiro Plan de accesibilidade do municipio. Sobre o terreo, os técnicos desta organización de referencia en Galicia para as persoas con discapacidade comprobaron as dificultades que existen nalgunhas zonas para o tránsito de peóns. Deste xeito, realizouse unha primeira inspección  nos espazos de maior afluencia e rúas con maior concentración de edificios públicos e servizos.

A alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Infraestruturas, Rafa Penabad, acompañaron aos técnicos polos puntos críticos da vila, sinalando aqueles que merecen unha actuación urxente. O edil é testemuña dos atrancos ao que se enfrontan cada día as persoas con discapacidade por mor dun accidente que sufriu hai anos.

A inspección que realizaron os técnicos é o primeiro paso para detectar todas as barreiras arquitectónicas do concello de Xinzo e poder deseñar o plan, que será a folla de ruta para futuras intervencións. A súa redacción permitirá coñecer a accesibilidade actual e planificar unha estratexia política e técnica para que sexa economicamente viable e cronoloxicamente aceptable. Ademais, permitirá establecer un orde de prioridades. Unha vez elaborado, someterase a información e participación pública para que os veciños poidan facer as súas achegas.

Este plan pretende ser unha ferramenta indispensable para o desenvolvemento de futuras actuacións en materia de infraestruturas, construcións de inmobles ou de instalacións de calquera tipo. A intención do Concello é que todas as obras que se efectúen no municipio cumpran ao 100% coas condicións de accesibilidade.

Os responsables municipais son conscientes de que nesta época de pandemia teñen que deseñar espazos seguros e saudables con proxección de futuro, ademais de adaptar os que xa existen para que toda a poboación poda gozar plenamente deles.

Elvira Lama agarda que o plan poda estar definitivamente aprobado e polo tanto en vigor a final de ano, despois da súa redacción e de ser exposto ao público.  Neste sentido, Lama considera básica “a participación veciñal, pois este plan será unha guía para garantir que as inversións e actuacións cumpran coa lexislación, suprimindo barreiras que dificultan a vida diaria de moitas persoas”.