jueves 09.04.2020

Xinzo de Limia tínguese de violeta polo Día da Muller

A igualdade real non chegará se non é da man e da complicidade de todos os homes e todas as mulleres. (Elvira Lama)

 

Xinzo de Limia tínguese de violeta polo Día da Muller

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, xunto coas portavoces da Federación de Mulleres Rurais e de CDR O Viso, presentaron os actos que terán lugar ao longo da semana en conmemoración do Día da Muller.

A rolda de prensa comezou coa intervención da alcaldesa, que tras facer un pequeno percorrido pola historia da muller, destacou a súa importancia no mundo rural como “as grandes coidadoras da casa”. En palabras de Elvira Lama “debemos permanecer alerta para non retroceder nin un ápice agora que algúns partidos negan evidencias como a violencia de xénero ou a liberdade sexual”.

Con motivo de dar voz á situación das mulleres, o 8 de marzo terá lugar na Casa da Cultura a partir das 12:30h un acto no que a Federación de Mulleres Rurais intervirá para realzar ou dignificar o Día da Muller; unha presentación do vídeo O rural é feminista; o CDR O Viso amosará o seu proxecto Mulleres ilustradas da Limia, coa participación dunha das protagonistas; e finalmente lerase un manifesto e proxectarase un vídeo musical da campaña de FEMURO.

A alcaldesa informou tamén de que por parte do Concello estará presente un stand atendido polo persoal do centro de información da muller de Xinzo. Ademais, anunciou unha serie de actividades de co-educación e igualdade organizados pola Cruz Vermella nos centros escolares de Xinzo e da zona durante os días 3, 4, 5 e 6. Nesta liña de actuación, o 10 de marzo levarase a plenario o expediente de honra dunha das mulleres ás que se lle quere facer un recoñecemento público cunha placa conmemorativa na súa casa; o 11 o alumnado do CEIP Carlos Casares asistirá a unha obra de teatro e charla posterior sobre mulleres na historia; o día 14 inaugurarase unha exposición ás 20:00h; e o 30 de marzo os alumnos do CEIP Rosalía de Castro asistirán á obra de teatro Somos iguais.

DSC_3048

Finalmente, Elvira Lama rematou a súa intervención informando de que durante estes días a Casa do Concello estará alumeada en cor violenta en homenaxe a todas as mulleres “que estiveron, as que estamos e as que aínda están por chegar”.

Posteriormente, a portavoz da Federación de Mulleres Rurais amosou a súa alegría pola participación do Concello de Xinzo e tras expor as actividades que desenvolven como organización, presentou s actos programados este ano baixo o lema Libres, fortes e empoderadas. Nesta liña, amosou o seu orgullo polo percorrido que ten a exposición de mulleres importantes de a pé, así como a súa esperanza de que acudise o maior público posible no acto que terá lugar o domingo.

Por outra banda, a co-autora do proxecto do CDR O Viso empregou os seus minutos de intervención para presentar o conxunto de actividades que realizaron ao longo da semana xunto ao Cruz Vermella en diferentes institutos da zona. Tras afondar na campaña de visibilización de mulleres que fan e fixeron historia, composta por dez retratos, a representante de O Viso amosou a súa intención de ampliar esta colección coa colaboración dos veciños de Xinzo, intentando tamén que chegue a todo o público.

Finalmente, a rolda de prensa rematou cunhas palabras nas que Elvira Lama remarcou a súa esperanza de que todos os actos foran de agrado para todos e todas, así como cunha petición de colaboración por parte dos homes posto que “a igualdade real non chegará se non é da man e da complicidade de todos os homes e todas as mulleres”.

Comentarios