miércoles 30/9/20
As iniciativas formuladas pola Civitas Limicorum no programa #Paranonesquecer remataron por seren desestimadas

Cancelada tamén a proposta alternativa da Festa do Esquecemento por medo a novos surtos

A comisión organizativa tomou hoxe a decisión de cancelar as actividades que tiña proposto como alternativa á Festa do Esquecemento e que estaban previstas para o vindeiro fin de semana -venres 21 e sábado 22 de agosto-.

A representación teatral do cruce do río Lethes, na XIX edición da Festa do Esquecemento, en Xinzo de Limia. | FOTO: Arquivo.
A representación teatral do cruce do río Lethes, na XIX edición da Festa do Esquecemento, en Xinzo de Limia. | FOTO: Arquivo.

A Civitas Limicorun vén de anunciar que se cancelan todos os eventos do programa alternativo #Paranonesquecer, proposto como iniciativa supletoria á xa tradicional Festa do Esquecemento. A comisión organizativa explicou que suspendía os actos tras unha reunión co Concello de Xinzo de Limia na que se recomendaba non levar a cabo os festexos.

As conversacións entre o goberno municipal e a Civitas Limicorum estiveron motivados pola última modificación da normativa referente á Covid-19 que se daba a coñecer o pasado venres, 14 de agosto, previa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Sobre as perdas que implica esta cancelación falou Iván Prado, un dos integrantes da comisión organizativa. O tamén xestor cultural do Concello de Xinzo explicou que "por sorte, a maioría das cousas que tiñamos contratadas contaban cunha cláusula que recollía que, en caso de forza maior como podería ser un repunte nos casos activos, non habería que sufragar gastos de cancelación ou aplazamento".

Si que hai algunha perda económica que non se contempla na cláusula e que corresponde a inversións menos elevadas, coma o Plan de Autoprotección ou o Seguro de Responsabilidade Civil: en total estaríase a falar duns 600 € aproximadamente. 

Iván Prado asegurou que dende Civitas Limicorum pretendían plantexar un avance nas datas que permitise realizar os actos cando as condicións de seguridade e sanidade pública fosen máis laxas; pero o Concello de Xinzo recomendou a cancelación coma a mellor opción nesta situación.

Polo momento, o resto de eventos propostos a nivel municipal non foron cancelados, o que crea unha lixeira sensación de descontento entre algúns dos participantes da Festa do Esquecemento, aínda que, en xeral, os socios da Civitas Limicorum acataron a decisión de forma unánime, dada á difícil situación que se está a atravesar e confiando en que a festa histórica regrese, con máis forza, na súa vindeira edición. 

Comentarios