Imprimir

Medio Rural estuda a petición do Concello dos Blancos para iniciar un novo proceso de reestruturación parcelaria

Dende a Limia | 04 de julio de 2017

A conselleira e o alcalde mantiveron unha xuntanza en San Caetano para analizar as posibilidades de levar a cabo esta reorganización nunhas 1.000 hectáreas.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse en San Caetano co alcalde do concello dos Blancos, José Manuel Castro Blanco, co fin de coñecer as demandas e necesidades máis inmediatas deste municipio ourensán en relación co agro. Así, analizaron a petición sobre o posible inicio dun novo proceso de reestruturación parcelaria e de melloras nos viais dos núcleos rurais.

O proceso de reorganización suporía a concentración dunhas 1.000 hectáreas de terreo nas parroquias limítrofes de Aguís, Pexeiros, Covas e Guntín. Ademais de mellorar as vías de comunicación e facilitarlle a vida aos veciños do rural, ten como obxectivo principal dotar ás explotacións desas áreas de maior base territorial co fin de facelas máis competitivas e sustentables.

A conselleira tomou nota desta petición e informou ao rexedor que se seguirá cos procesos oportunos para valorar a súa posta en marcha. En todo caso, manifestoulle a súa colaboración na mellora da calidade de vida dos seus veciños e reiteroulle o seu compromiso polo rural galego.

Mellora de viais
Outro tema tratado nesta xuntanza foi a posible mellora no firme de diversos viais dos núcleos rurais do concello. A titular de Medio Rural subliñou que precisamente co Plan Marco de mellora dos camiños de titularidade municipal búscase poñer en valor as vías rurais e facilitar a accesibilidade a parcelas e explotacións agroforestais, así como aos núcleos de poboación. Neste senso, o orzamento previsto para este concello no plan de 2017 ascende a 31.472,10 euros.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/blancos/medio-rural-estuda-peticion-do-concello-blancos-iniciar-novo-proceso-reestruturacion-parcelaria/20170704213942010073.html


© 2020 Dende a Limia

Dende a Limia
© 2014 Dende a Limia