Imprimir

Xinzo Adiante denuncia o "lamentable" estado de dúas rúas da vila

O. Ferreiro | 12 de diciembre de 2016

Unha das rúas asfaltadas recentemente
Unha das rúas asfaltadas recentemente

A formación política Xinzo Adiante vén de denunciar o estado no que quedaron as rúas Río Sil e Camiño da Roda tralas obras de asfaltado.

O pasado 26 de outubro, a Xunta de Goberno do Concello de Xinzo de Limia adxudicou a unha empresa o asfaltado das vías municipais Río Sil, Camiño da Roda, a explanada do pavillón e o acceso a Gudes, por valor de 70.000 euros.

Unha vez rematadas as obras, a formación política Xinzo Adiante, vén de denunciar publicamente o que considera un estado "lamentable" pois, según os seus concelleiros, "nalgún caso están peor ca antes". Definen o que supostamente tiña que ser unha execución de asfaltado, como a acción de "botar unha capa de chapapote con area por riba".

Afirman que as consecuencias do que cualifican como "chapuza" tradúcense en "derrapes de coches constantes e unha pouxeira insoportable para os viandantes cando os vehículos circulan por estas vías".

En palabras do concelleiro Xosé Miguel Barrios, o da rúa Río Sil é un "caso singular", pois "soporta un tránsito diario considerable e cuxos veciños e peóns se ven envoltos nunha nube de po constante por mor do estado no que quedou a vía". "Se comparamos esta actuación coas obras realizadas anteriormente na Rúa Ladeira, por valor de 43.000 euros, podemos observar a diferenza na calidade da execución da obra e o resultado final", conclúe o concelleiro de XA.

Dende a formación política vinculada a En Marea, extenden esta situación ao "estado de abandono no que o Concello ten ao barrio do Polígono: faltan semáforos, pasos de peóns, as beirarrúas non están adaptadas aos minusválidos". 

"Semella que para o PP de Xinzo de Limia non todos os veciños son iguais, pois non todos os barrios e aldeas son tratados por igual. Pero a realidade é que todas/os as veciñas e veciños pagan relixiosamente os elevados impostos que o PP lles impón para pagar a débeda consecuencia da mala xestión do grupo de Goberno", conclúen dende XA.

Desde Xinzo Adiante esíxenlle ao goberno local do PP que requira á empresa adxudicataria destas obras a que as volva realizar axeitadamente, "así como un trato igualitario entre os distintos barrios da vila e aldeas do municipio".

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/xeral/xinzo-adiante-denuncia-lamentable-estado-duas-ruas-xinzo/20161212225921008316.html


© 2020 Dende a Limia

Dende a Limia
© 2014 Dende a Limia