3 compoñentes da Agrupación Musical da Limia dentro da Banda Sinfónica Galega acadaron o primeiro premio no Certame Internacional de Bandas de Música "Ciutat de València"
Marta Diz, clarinete e concertina da banda, Nicolás Montero, percusionista e Jose Luis Tielas, vicepresidente da federación Galega de bandas de música Populares
A Banda Sinfónica Galega colleita o primeiro premio e mención de honra no Certame Internacional de Bandas de Música Ciutat de València
Esta agrupación proclámase gañadora da 137 edición do CIBM Ciutat de València na sección libre. O Palau de la Música puido desfrutar onte dunha actuación sublime que acadou un total de 352 puntos e o recoñecemento do xurado, cunha agrupación formada integramente por músicos galegos e comandados polo mestre David Fiuza.
Este proxecto, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), reuniu nesta ocasión a unha selección de 64 mozas e mozos de entre 15 e 28 anos pertencentes ás diferentes bandas galegas, no contexto do XVII Encontro da Banda Sinfónica Galega (BSG). A interpretación maxistral do repertorio no Palau da Música de València levou a esta formación a acadar o primeiro premio e a mención de honra da Sección Libre, colleitando 352 puntos dos 400 posibles, cun xurado formado por Salvador Sebastiá, Jesús Chapi, Colleen Richardson, Amadora Mercado e Andrés David Ascanio Abreu. A concentración preparatoria tivo lugar durante toda esta semana na cidade de Lugo, onde a BSG tivo a oportunidade de preparar un repertorio bandístico variado de alto nivel.
As obras interpretadas durante a xornada de onte, ambas de autoría galega, dan a ver a alta calidade das novas xeracións de compositores galegos. A primeira das composicións, “Bodas de Sangre” do compositor coruñes León Durán, trátase dun poema sinfónico inspirado na traxedia homónima do dramaturgo Federico García Lorca. Esta peza composta no ano 2022 foi Primeiro Premio con mención de honra no “I Concurso Internacional de Composición Emili Giménez Bou”, celebrado en Cullera, e estrenada por primeira vez en Galicia de man da Banda Sinfónica Galega. Por outra banda, a segunda obra interpretada foi “Choivas das Cíes”, de Luís Serrapio Fernández, peza musical que representa maxistralmente os diferentes tipos de choivas que se dan lugar nestas illas. Ademais, tamén esta foi unha obra cuxa estrea mundial realizou a BSG na primeira parte do encontro que tivo lugar o pasado maio no concello de Valladares.
A dirección artística deste proxecto recaeu no director crucés David Fiuza, que conta no seu currículo coa dirección de diversas agrupacións galegas de renome, como a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda Artística de Merza ou a Banda de Lalín, outras de fora do territorio galego como a Banda Sinfónica do CIM “La Armónica” de Buñol, a Gran Canaria Wind Orchestra ou o Mallorca Saxophone Ensemble, así coma outras natureza municipal como a Banda Municipal de Santiago ou a Banda de Música Municipal de Lugo, da que é o director titular na actualidade. Alén disto, é director titular da Banda Sinfónica Galega dende o ano 2022, banda coa que tamén participou no WMC de Kerkrade. Da súa man e traballo sublime, a BSG foi quen de presentar todo o seu potencial acadando este novo logro, motivo de orgullo para toda a sociedade galega.
O broche de ouro desta semana terá lugar o vindeiro domingo, día 20 de xullo ás 12:00, no Templete do Parque do Retiro (Madrid), onde a banda realizará o último concerto desta xira por España nunha participación no Ciclo Primavera/Verano da Banda Sinfónica Municipal de Madrid. A primeira parte estará centrada nas composicións extranxeiras con temática española, soando así El Camino Real, de Alfred Reed, un movemento do ballet de El Cid, de Jules Massenet, e o Capricho Español, de Nikolai Rimsky-Korsakov. Na segunda parte, o foco céntrase nos compositores galegos, coa interpretación de La Leyenda del Beso, de Juan Vert, e Cabaleiros de Santiago, Xosé Luís Represas. Todo este encontro non sería posible sen o patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Turismo de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo.