Antonio Pérez recoñece como “irregular” un dos nove contratos anulados

Antonio Pérez recoñece como “irregular” un dos nove contratos anulados

En cinco horas de declaración o rexedor soamente contestou as preguntas da xuíza e do seu letrado e mantivo que non existía ningún informe do secretario

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Esta mañá, ás dez, Antonio Pérez entraba no xulgado de Xinzo para declarar por segunda vez en menos de 72 horas. Desta volta, era a súa imputación por un presunto delito de prevaricación o que o levaba ante a xuíza, quen lle tomou declaración por espazo de cinco horas. No seu relato dos feitos, Pérez recoñeceu que un dos nove decretos de contratación que firmou e que foron posteriormente anulados pola vía administrativa, realizouse de maneira “irregular”.

O motivo que levou ao Concello a actuar desta maneira foi que a traballadora se fixo necesaria “dun día para outro” por mor dunha xubilación. Unha “emerxencia sanitaria” no centro escolar, así definiu a situación que supostamente tería obrigado a Pérez a non facer selección de persoal e contratar directamente á limpadora para o colexio.

O alcalde limiao soamente quixo responder as preguntas da propia xuíza e do seu avogado, negándose a facelo coas que lle quería formular a representante da CIG, sindicato que exerce a acusación particular despois de ter denunciado máis de vinte contratos ilegais. Desta vintena, máis da metade foron xulgados e nove anulados por contaren con informes negativos do secretario municipal ao incumprir o decreto estatal que limitaba a contratación de persoal nos Concellos por mor da crise.

Porén, ante as preguntas da xuíza relacionadas con estes informes contrarios, Antonio Pérez explicou que non existían, polo menos no momento no que se firmaron os primeiros catro decretos, contrariamente do que afirman as sentenzas administrativas que os anularon.  O alcalde negou ter cometido ningún delito, e detallou as causas polas que firmou cada un dos contratos invalidados pola vía administrativa.