Baltar e os alcaldes de concellos con sede xudicial asinan unha declaración en defensa dos partidos xudiciais

Reunión do Presidente da Deputación cos alcaldes con Partido Xudicial
Baltar e os alcaldes de concellos con sede xudicial asinan unha declaración en defensa dos partidos xudiciais
No documento, rubricado hoxe na Deputación de Ourense, pídese ao Ministerio de Xustiza a paralización do anteproxecto de Lei Orgánica...

No documento, rubricado hoxe na Deputación de Ourense, pídese ao Ministerio de Xustiza a paralización do anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial

.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, convocou hoxe aos alcaldes de concellos con sede xudicial na provincia de Ourense para manter con eles unha reunión de traballo en relación co proxecto de reforma dos partidos xudiciais que pretende levar a cabo o Ministerio de Xustiza. No documento, asinado polos representantes dos municipios de Bande, O Barco de Valdeorras, Celanova, O Carballiño, Pobra de Trives, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia, pídese ao ministerio “a paralización do anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial e o mantemento presente e futuro dos actuais partidos xudiciais na provincia de Ourense”. Asemade, Manuel Baltar e os alcaldes acordaron dar traslado desta declaración conxunta ao Ministro de Xustiza, ao presidente da Xunta de Galicia e a todos os concellos da provincia de Ourense.

A declaración conxunta asinada hoxe recolle que a provincia de Ourense conta cunha configuración poboacional que, xunto coa dispersión territorial, a distingue doutras provincias do Estado. “A crise demográfica –sinala o documento- e o envellecemento da poboación –sinala o documento- son características básicas da nosa realidade, circunstancias que esixen políticas de equilibrio territorial que en ningún caso supoñan diminución de calidade nin de servizos públicos”

Tamén destaca o documento que as sedes dos partidos xudiciais na provincia de Ourense “axudan a vertebrar as zonas onde os órganos xurisdicionais desenvolven a súa actividade e constitúen un polo de actividade e dinamización económica compatible coa necesaria proximidade da Administración de Xustiza aos cidadáns”.

O presidente da Deputación e os alcaldes asinantes coinciden en que a supresión dos partidos xudiciais, prevista no anteproxecto de Lei Orgánica do Poder Xudicial, “suporía o desmantelamento dun servizo público esencial no territorio provincial e perdas económicas evidentes, que atentarían contra a dignidade das comarcas afectadas e dos veciños e veciñas destas”, e rematan afirmando que a desaparición dos actuais partidos xudiciais “suporía tamén ir contra os investimentos que os gobernos teñen realizado nas ditas sedes, tanto en construción e reformas de inmobles, como na dotación de materiais e equipamentos tecnolóxicos”.