Catro veciños de Xinzo detidos por 21 roubos na provincia

Catro veciños de Xinzo detidos por 21 roubos na provincia

Xunto cun quinto implicado conformaban un grupo organizado experto na subtracción con forza

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

A catro veciños de Xinzo de Limia e outro de Ourense impútanselle ata 21 delitos de roubo cometidos durante este ano en diversos municipios da provincia. A Garda Civil de Allariz conseguiu deter a estas cinco persoas que constituían un grupo organizado especialista no roubo con forza, no marco da operación patriarca. Nas súas incursións, estes amigos do alleo levaban xoias, cartos, bebidas alcohólicas, tabaco, ferramentas, gasóleo e outros efectos, segundo indicaron fontes do Instituto Armado.

Na súa lista de delitos inclúense roubos con forza en catro vivendas de Guimarás (Allariz), en outras tres de Casnaloba (Xunqueira de Ambía), en dous  galpóns en Vilar de Santos e Sandiás, e nunha empresa de camións en Xinzo. Pero non quedou aí a cousa, tamén saquearon unha explotación porcina e un local social en Sarreaus e  unha estación de servizo na capital da Limia.

Para o líder da trama, o xuíz do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense decretou prisión e para a súa man directa a personación diaria nas dependencias xudiciais. A banda coordinada por estes dous limiaos, que responden ás iniciais O.G.M. e M.L.G., tiña sempre destino para o material que roubaban nada máis perpetrar o feito delitivo. Porén no discorrer desta operación da Garda Civil conseguise recuperar ata un 80 % dos bens subtraídos que xa están de novo nas mans dos seus lexítimos propietarios.