O Colexio de Secretarios e Interventores acusa a Antonio Pérez de eludir as súas responsabilidades “a costa de utilizar a saúde das persoas”

O Colexio de Secretarios e Interventores acusa a Antonio Pérez de eludir as súas responsabilidades “a costa de utilizar a saúde das persoas”

Este colectivo asegura que as declaracións do rexedor nas que culpa ao ex secretario do atraso na presentación das contas do municipio deben ser “rotundamente rexeitadas”

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Xinzo de Limia foi o último concello de Galicia en aprobar e presentar os resultados económicos de 2012 ante o Consello de Contas. Á hora de depurar responsabilidades, o alcalde do municipio, Antonio Pérez sinalaba ao ex secretario, asegurando que a súa mala xestión era a culpable dos retrasos. Agora, o Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros de Administración Local de Ourense sae en defensa do seu compañeiro acusando a Pérez de “eludir as súas responsabilidades a costa de utilizar a saúde das persoas”.

Desde este colectivo recordan que a data límite para ter presentado os datos económicos do pasado exercicio era o 15 de outubro de 2013. E  que nesas datas o secretario reincorporábase dunha baixa durante a que recibira coidados médicos por causa dun accidente de tráfico que o mantivo afastado do seu posto de traballo durante máis de seis meses, entre abril e o propio  outubro. Falan estes funcionarios de “declaracións sesgadas” e de “evidente falta de ética” do alcalde popular ao poñer en dúbida “a profesionalidade dunha persoa, ante a imposibilidade de cumprir as súas obrigacións por motivos de saúde”.

Responsabilidade da Alcaldía

A xefatura superior de persoal é competencia da Alcaldía e a ela corresponde “á maior urxencia, a cobertura dos postos de secretario e interventor”. Partindo deste principio o Colexio expón que as declaracións de Pérez non buscan outra cousa que “eludir responsabilidades”. Unhas declaracións que aseguran “deben ser rotundamente cuestionadas e rexeitadas” por mostrar “un comportamento indigno de calquera representante da colectividade veciñal”.