O Concello de Vilar de Santos pecha 2013 limpo de débedas

O Concello de Vilar de Santos pecha 2013 limpo de débedas

Nin coa facenda pública nin cos provedores o que lle deixa un remanente de máis de 170.000 euros

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

O concello de Vilar de Santos pechou o exercicio de 2013 cun resultado orzamentario axustado positivo de 151.205, 37 euros, non lle debe cartos nin á facenda pública nin aos provedores e conseguiu escapar da existencia dun plan de axuste. Esta situación económica tan saneada permitirá ao goberno de Xan Jardón investir o remanente de tesourería en proxectos nas áreas relativas á dinamización da actividade económica e o emprego, apostando segundo afirma o propio alcalde “polos servizos sociais municipais e a mellora das infraestruturas e equipamentos públicos”.

A receita do éxito para Jardón é “a xestión e o control e racionalización dos gastos pero son renunciar á inversión, cumprindo cos principios de eficacia, eficiencia, estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira”. Un éxito que lle posibilita ao organismo local “facer fronte aos recortes das outras administracións con recursos propios e atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas, cunha xestión pública transparente, racional, eficiente e solvente co diñeiro público”.