O Domingo Corredoiro reinstaura a lei da Pantalla con multas de ata unha ronda de viños

IMG_9559
O Domingo Corredoiro reinstaura a lei da Pantalla con multas de ata unha ronda de viños
Onte Xinzo volveu a vestirse de Entroido na celebración que é o preludio dos días grandes MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO maria@dendealimia.com Twiter: @MariaFdezRomero Despois de...

Onte Xinzo volveu a vestirse de Entroido na celebración que é o preludio dos días grandes

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO maria@dendealimia.com Twiter: @MariaFdezRomero

Despois de todo un ano agardando por elas, as raíñas do Entroido volveron a aparecer en Xinzo. A maxia do Domingo Corredoiro trouxo de novo as Pantallas que chegaron co son cristalino das campaíñas e axóuxeres do seu cinto, que van marcando cada pincho e cada paso que dan. Onte os valentes que se atrevían a baixar á Praza Maior sen disfrace, sufrían todo o peso da autoridade, durante o Entroido exercida polas máscaras, que os obrigaron a entrar no primeiro bar e pagar unha ronda para todos. Chegaba así o que xa é o terceiro domingo do ciclo do Entroido limiao, o preludio dos grandes días de festa que se sucederán a semana que ven, case desde venres a mércores.

De novo, e a pesar de que os temporais dos últimos meses seguen presentes no imaxinario limiao e tamén no seus disfraces, pois as alegorías de “Ruth”, “Stephanie”, “Qumaira” e algunha máis visitaron a vila, o certo é que as temperaturas acompañaron durante toda a xornada. O bo tempo e a marabillosa música das charangas XL e Compostela foron os ingredientes perfectos para un domingo de festa rachada. Carlos Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Xinzo, mostrábase moi satisfeito coa participación: “cada vez anímase máis xente a vir a todos os domingos previos aos días grandes, estamos moi contentos”.

Entre aqueles veciños únicos que interpretan durante o Entroido as personaxes das que se disfrazan, puidemos ver desta vez un grupo de mexicanos entre os que o tequila facía estragos, a Bárcenas escapando cos cartos para Suíza, a unha peixeira barbuda que acomodaba as medias á menor ocasión e a un mendigo que tocaba a frauta por uns centimiños, ou por cincuenta euros.

Podes atopar máis fotos do Domingo Corredoiro premendo aquí.