A Plataforma Xudicial de Xinzo cifra en 190.000 euros as perdas que poderían sufrir a hostalería e o comercio local se se suprimise o partido

A Plataforma Xudicial de Xinzo cifra en 190.000 euros as perdas que poderían sufrir a hostalería e o comercio local se se suprimise o partido

O lanzamento da campaña informativa deste colectivo iniciarase tralas eleccións europeas

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

A Plataforma Xudicial de Xinzo de Limia lanzará a súa campaña para informar á  cidadanía das consecuencias da supresión do Partido Xudicial tralas eleccións europeas do vindeiro 25 de maio. Entre estas consecuencias, este colectivo cita “a perda, na vila de Xinzo de Limia, de máis de 6000 persoas cada ano, que terían que desprazarse a Ourense” e con elas 190.000 euros menos de caixa para a hostalaría e o comercio. Ademais, segundo estes defensores da descentralización da xustiza, tamén se aumentará o gasto para os cidadáns da comarca, arredor de 380.000 euros, en concepto de desprazamentos á capital da provincia para trámites civís e xudiciais.

 Campaña informativa

Os actos da campaña informativa comezarán o vindeiro 27 de maio na feira comarcal. Os membros da Plataforma de Xinzo de Limia, colocarán unha mesa informativa na Praza do espolón e percorreran a vila de Xinzo de Limia, colocando mais de 1000 carteis informativos e distribuíndo mais de 3000 panfletos entre a cidadanía.

Tamén distribuirán entre a hostalería e o comercio local, follas para a recollida de sinaturas, solicitando o mantemento do Partido xudicial de Xinzo de Limia. Procederase tamén á colocación de pancartas en defensa do Partido Xudicial de Xinzo de Limia, en todos os Concellos da Comarca da Limia e na vila de Xinzo de Limia, así coma no propio edificio do xulgado. O mércores 28 dedicarase á avaliación das actuacións levadas a cabo o martes polo que a Plataforma volverá a reunirse na Casa da Cultura.