Pleno de Xinzo: “Non poden obrigar á xente do rural a viaxar a Ourense para ir ao xulgado”

Pleno de Xinzo: “Non poden obrigar á xente do rural a viaxar a Ourense para ir ao xulgado”
Unanimidade na corporación limiá no rexeitamento á supresión do Partido Xudicial REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia

Todos de acordo. O Partido Xudicial de Xinzo non pode desaparecer. Así o manifestaron todos os grupos políticos con representación no consistorio limiao na celebración do último pleno o pasado xoves. Todos eles presentaron cadansúa moción que finalmente se unificou nun único documento que será enviado aos gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy, para que teñan en conta a oposición do Concello no caso de que a proposta de reforma da administración xudicial de Alberto Ruiz-Gallardón prospere. O acordo mostra a súa oposición e a promesa de que se o xulgado de Instrución da vila desaparece, os edís serán os primeiros en organizar protestas. “Non poden obrigar á xente do rural a viaxar a Ourense para ir ao xulgado”, aseguraba o rexedor Antonio Pérez na exposición da moción.

 A sesión plenaria non foi moi extensa, pero deu tempo tamén a que os socialistas presentaran a súa moción sobre a reclamación do céntimo sanitario. Unha proposta que segundo o alcalde chegaba tarde, pois asegurou que os trámites para a devolución dos 5.500 euros que tería abonado o Concello por este imposto, iniciáronse hai semanas. Outro dos asuntos debatidos na asemblea foi a aprobación dun expediente de modificación de crédito, que permitirá pagar as facturas atrasadas.