O PP denuncia a recaída do alcalde de Calvos en prácticas de “persecución política”

O PP denuncia a recaída do alcalde de Calvos en prácticas de “persecución política”

O rexedor foi denunciado por unha veciña a quen lle tería impedido presentar un escrito de recurso

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

Volven os problemas co censo en Calvos de Randín. Uns problemas que segundo o PP recordan ás que o pasado xaneiro equivalían as acusacións de “limpeza étnica” e “persecución política” contra o alcalde, o socialista Aquilino Valencia. O pasado xoves, unha veciña do municipio interpuña unha denuncia contra o rexedor da vila por terlle impedido dar entrada a un escrito de recurso, no que se apelaba a decisión do alcalde de dalos de baixa a ela e a seus pais do Padrón Municipal, a pesar de estar residindo no concello. Ademais, a afectada asegura na denuncia que Valencia lle tería proferido comentarios persoais despectivos.

A reacción da oposición non se fixo esperar, e ao día seguinte os concelleiros do Partido Popular presentáronse no Concello para rexistrar as reclamacións que o día antes impedira o alcalde. Segundo asegurou o voceiro do principal grupo da oposición, José Manuel Andrade, “puideron facelo finalmente, pero o alcalde negouse a facilitarlles aos veciños as follas de reclamacións que lle solicitaban por eses feitos”.

Unha actitude a de Valencia que segundo o PP, afectaba a unha vintena de veciños ata o día de onte, no que expiraba o prazo para presentar estes escritos, un dereito ao que “nun primeiro momento non puideron optar”.