Un rego de cerámica partida e moita gana de festa, así se resumiu o Domingo Oleiro

IMG_1751-horz
Un rego de cerámica partida e moita gana de festa, así se resumiu o Domingo Oleiro
O sol brillando no ceo despois das insistentes chuvias fixo que todo o mundo se botara á rúa a desfrutar...

O sol brillando no ceo despois das insistentes chuvias fixo que todo o mundo se botara á rúa a desfrutar do Entroido

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Aínda que o termómetro decidiu baixar uns gradiños, os raios de sol fixeron que a xente, agotada de tanta cicloxénese explosiva se botase á rúa. O Entroido limiao brillou canda o astro rei no Domingo Oleiro,  no que se esnaquizaron ata 400 pezas de barro chegadas desde a veciña Niñodaguia. Centos de persoas déronse cita na Praza Maior de Xinzo para desfrutar dunha tradición, a do xogo das olas, que é a día de hoxe exclusiva da vila.

A última cita do Entroido sen a presenza das Pantallas, permitiu que algún baixara ata a Praza Maior sen disfrazar, pero foron sen dúbida os menos. As ganas de festa e o marabilloso tempo fixeron que se puidese desfrutar dunha xornada de Entroido que por momentos mesmo parecía un dos días grandes, debido ao ambiente de troula que se respiraba.

Os pequenos foron os máis madrugadores. A iso da unha da tarde, xa escachaban olas cheas de caramelos. Despois de comer tocoulle a quenda aos maiores. Un par de ducias de mozos lanzaron as olas, ante a atenta mirada e os xestos de alivio ou tensión de centos de curiosos que presenciaron o espectáculo coma se se tratase dun partido de tenis, coas cabezas en constante movemento. O panorama completábano unha serie de personaxes hilarantes encarnados polos propios veciños, que rin e fan rir, e son sen dúbida os reis do Entroido.

Cando finalizou o xogo a música das charangas XL e BCN que recorreron boa parte da vila co seu repertorio, continuou amenizando un Domingo Oleiro que cada vez cobra máis importancia non só en Xinzo, que xa a ten, senón en toda a provincia.

Pero espera, hai moitísimas máis fotos do Domingo Oleiro, se queres velas soamente tes que premer aquí.