O TSXG reafirma a absolución do alcalde de Baltar

alcalde de baltar faro de vigo
O TSXG reafirma a absolución do alcalde de Baltar
O recurso de apelación por coaccións, ameazas e malversación contra José Antonio Feijóo foi desestimado REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia José Antonio Feijóo volveu ser...

O recurso de apelación por coaccións, ameazas e malversación contra José Antonio Feijóo foi desestimado

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

José Antonio Feijóo volveu ser absolto dos presuntos delitos de coaccións, ameazas e posible malversación de fondos públicos, desta volta mediante unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Este órgano xurídico tivo a ben desestimar o recurso de apelación presentado contra el, logo de que o Penal Número 1 de Ourense xa o absolvese destes cargos no mes de outubro do pasado ano por falta de probas.

O propio rexedor de Baltar daba a coñecer a nova no último pleno da Deputación, onde ocupa un escano como deputado provincial. Un cargo que non abandonou durante este proceso penal, como non deixou tampouco a alcaldía do concello limiao. Porén, uns días antes de ser xulgado quixo suspender a súa militancia no Partido Popular, decisión que mantén actualmente e que non pensa cambiar. De feito, José Antonio Feijóo falou ante os medios de comunicación do pouco apoio recibido por algúns dos compañeiros de partido durante o proceso xudicial. Lonxe do que puidese parecer, o seu cese na militancia popular non está sendo incompatible co desenvolvemento dos seus cargos, Feijóo argumenta que “a xente non vota ás siglas, e para min os veciños e o Concello son moito máis importantes que a pertenza a calquera partido”.

A pesar da boa noticia da absolución, o rexedor lamentou o grave dano que sufriron tanto a súa familia coma o seu entorno no discurrir deste proceso. Un proceso no que se investigou se certamente Feijóo ameazara e coaccionara a varios dos seus opositores políticos, co fin de que existise unha candidatura única para as eleccións municipais en Baltar.