Vaia “circo” montaron os peques de Xinzo!

FOTO PORTADA
Vaia “circo” montaron os peques de Xinzo!
Os alumnos do Rosalía, Carlos Casares e a Galiña Azul inauguraron os días grandes do Entroido desfilando polas rúas da...

Os alumnos do Rosalía, Carlos Casares e a Galiña Azul inauguraron os días grandes do Entroido desfilando polas rúas da vila

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Twitter: @MariaFdezRomero

Un gran e marabilloso circo, iso foi o que montaron os pequenos e pequenas das escolas de Xinzo, esta maña polas rúas da vila. Preto de mil persoas, entre nenos e profes da Galiña Azul, o Rosalía e o Carlos Casares participaron nun desfile cheo de música e cor, que uniu a todos os escolares do Concello para inaugurar os días máis grandes do Entroido. Non lles faltou detalle, leóns e domadores, malabaristas, pallasos...todos moi metidos no papel, e bailando con moito ritmo ao son das charangas BCB e Achicoria.

Os nenos e nenas do Carlos Casares foron os máis madrugadores, e saíron arredor das 10:30 horas da mañá para ir a buscar aos compañeiros do Rosalía de Castro. Despois, todos xuntos percorreron as rúas Ladeira, Dous de Maio e a Avenida de Ourense. Pasaron pola Praza Maior para atravesar despois Marcelo Macías e reunirse de novo no Casares, para seguir bailando e tomar un petisco. Un montón de papás e mamás orgullosos encheron as primeiras filas para ver aos peques de preto e fotografar cada instante.

Esta iniciativa que xa se leva celebrando dous anos, segundo nos explicou José Manuel García, director do CEIP Rosalía de Castro, é “unha experiencia moi positiva que nos permite desfrutar do Entroido todos xuntos”. Xa que “antes saiamos cada un polo seu lado e non nos víamos” asegurounos José Manuel. A pesar de involucrar a tanta xente, organízanse ás mil marabillas. O proceso comeza propondo un tema nos distintos claustros, e este ano o gañador foi o mundo do circo. Despois, cada clase comeza a preparar o seus disfraces. Así, desde xaneiro, alumnos e mestres póñense mans á obra, e con moita ilusión, pegamento, tesoiras e papel de cores, van dando forma ás distintas personaxes, que logo locen así de guapos e guapas polas rúas de Xinzo.

Se premes aquí, poderás ver máis fotos do desfile!