Xinzo chora a fin do Entroido

IMG_9998
Xinzo chora a fin do Entroido
O Enterro da Sardiña representa o principio da despedida da gran festa limiá REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter:@Dendealimia Soamente falta o Domingo de Piñata. Esa será...

O Enterro da Sardiña representa o principio da despedida da gran festa limiá

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter:@Dendealimia

Soamente falta o Domingo de Piñata. Esa será a despedida definitiva do Entroido 2014, pero a sensación agridoce de que a fin está cerca xa nos ven acompañando desde o Mércores de Cinsa. Os limiaos e limiás, con toda a dor dos seus corazóns, enterraron á pobre sardiña e con ela aos días grandes da festa.

O pasado mércores a comitiva fúnebre que acompañaba o corpo da sardiña recorreu en procesión as rúas de Xinzo acompañados da charanga XL, non faltou a música pero si as carpideiras. Botáronse en falta os prantos da choronas, que non quixeron compartir este ano a dor do enterro. Os que si se presentaron e non perderon detalle foron as autoridades eclesiásticas, civís e militares.

Despois de toda a pompa, chegaron as actuacións dos rapaces e rapazas do grupo Aneis. Estes artistas tan talentosos como noviños ofreceron unha serie de monólogos nos que lle deron un repaso a todo, desde Iñaki e a Infanta, pasando por Rajoy e o Ministro de Educación. Non faltaron tampouco alusións a Pantallas e espantallos e ao tempo, ou máis ben aos temporais que anegaron a Limia nas últimas semanas.

A penúltima xornada do Entroido limiao acabou inevitablemente e como manda a tradición, coa sardiña á grella. De novo, os limiaos ateigaron a Praza Maior, sobre todo xente nova que despediu temporalmente o Entroido, que vivirá o seu colofón final o domingo que vén.