Xinzo potencia o Entroido “de mañá”

IMG_1559
Xinzo potencia o Entroido “de mañá”
Onte presentábase no Concello a festa de 2014, na que os organizadores buscan apostar pola tradición REDACCIÓN redac@dendealimia.com A edición de 2014 do...

Onte presentábase no Concello a festa de 2014, na que os organizadores buscan apostar pola tradición

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

A edición de 2014 do ciclo do Entroido limiao, o máis madrugador e longo da Península Ibérica, presentábase onte na Casa do Concello de Xinzo. Os encargados de facelo foron o alcalde da vila, Antonio Pérez, o concelleiro de cultura, Carlos Gómez e dous dos membros da comisión de festas, Alfonso Suárez e Manolo Santana. O responsable da área de cultura do municipio foi o encargado de resaltar que este ano trabállase por potenciar o lado máis tradicional da festa. Ese que “se vive sobre todo polas mañás”, no Entroido “de día”.

Segundo Carlos Gómez, a masificación que se produce sobre todos nos días centrais da festa “trae consigo o risco de perder as tradicións, que ás veces se dilúen na aglomeración de visitantes”. Por isto quixeron animar a todos os que se despracen este ano á vila para vivir o Entroido, a que “veñan preparados para desfrutar dunha festa tradicional”. Algún das accións prácticas levadas a cabo polos organizadores para conseguir este obxectivo será poñer punto e final as actuacións das charangas máis cedo que de costume.

65.000 euros de orzamento

Cun grande apoio económico por parte do Concello que o membro da comisión de festas e técnico de cultura do municipio, Alfonso Suárez quixo recoñecer e agradecer na súa intervención, o orzamento estimado deste ano para o Entroido será de 65.000 euros. Suárez quixo asegurar que esta é unha cifra “da que non baixamos”, e defendeu que o momento económico non permite ir a máis, pero si buscan manterse, “porque o noso Entroido ten un nivel ao que non se pode renunciar”.

Ás aportacións do órgano municipal hai que sumar o que consiga recadar a comisión de festas, que este ano se constituíu en asociación á que bautizaron moi acertadamente como Troula. Desde este colectivo aseguraron que han intentar xuntar o máximo posible xa que “hai moi boa vontade dos veciños para colaborar”, que son realmente “os que fan posible a festa”. Ademais este ano a festa recibirá 25.000 euros da Xunta de Galicia por ser unha festa de interese turístico nacional. Unha achega para o concelleiro de Cultura, “moi xenerosa” e que se une á inversión do Concello nun evento que constitúe “un recurso económico de primeira magnitude para a vila”.

“Non hai relevo”

O presidente da recén constituída Asociación Troula, Manolo Santana, quixo destacar unha realidade que pode chegar a ter un efecto negativo na festa. Segundo Santana a organización do Entroido non consegue relevo: “seguimos os mesmos de sempre, non da chegado xente nova, o Entroido gusta moito vivilo pero non traballalo”. Porén, tamén asegurou que de momento “non hai problema, porque os que estamos seguiremos aí mentres poidamos”.

Limiás e limiaos quedan oito días!